Utopía


Revivindo a Xosé Chao Rego, nas súa propias palabras

Escolma dos textos empregados na homenaxe a Pepe Chao organizada pola plataforma veciñal de Galeras o pasado 15 de maio en Compostela e na que participaron, ademais da familia de Pepe (Roi e Iria, Sari, Sara e Luís)  e Irimia, a  Plataforma de Veciños do Casco Histórico,  Edicións Xerais de Galicia, Fundación Alexandre Bóveda, Fundación Penzol , Editorial SEPT, Editorial Galaxia, Fundación Castelao, Asociación Cultural Terra de Outes, Irmandade Avelino Pousa Antelo, IES Plurilingüe Rosalía de Castro, Asociacion Cultural San Martiño Pinario, Encrucillada, Irmandade Manuel María da Terra Chá e Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz.

Retrato Pepe Utopía

“O primeiro que facía nas clases, logo de me presentar, era baixar do estrado e abandonar a mesa do profesor, como símbolo dunha oferta de igualdade no trato. Explicaba a autoridade que ao profesor lle concede a institución e como eu estaba disposto a dimitir desa autoridade se eles a recollían e non a deixaban caer ao chan. Insistíalles no  custoso que resulta ser libre e asumir a súa parte de autoridade para dar seriedade ao traballo. Estamos afeitos a ser mandados e dirixidos, non hai creatividade”.

“Que cal sería a reformulación do meu credo? Pois algo así: Eu creo que un campesiño galileo, ne nome Xesús, proclamou a chegada na súa persoa do reinado de Deus, centrado na liberación de todos os oprimidos e marxinados en orde a unha nova creación: unha sociedade nova na que a fraternidade e maila liberdade sexan garantidas pola igualdade. Creo que Aquel a quen Xesús consideraba Pai, ratificou a vida de Xesús dándolle unha nova vida; esa resurrección que esperamos. Esta miña fe está alentada polo Materno Espírito que nos foi prometido. Este acto de fe confesante achégame esperanza e convídame a vivir na caridade”

“Existe unha estreita relación entre a lingua e o psiquismo. Aí está a sintaxe galega e a abundancia de eufemismos e perífrases, as afirmacións non categóricas, matizadas até o punto de que se estableza para unha pregunta ao mesmo tempo unha afirmación e unha negación –“non si?”-coma se se quixese establecer esa harmonía de contrarios que nos caracteriza e que seica nos fai moi habelenciosos para o xogo diplomático: “disque”, “seica”, velaí dúas formas non agresivas de afirmar. Preferimos os futuros analíticos (“has facer”) aos sintéticos (“farás”), pois somos pouco amigos das afirmacións categóricas. “polo si ou polo non”. Engadámoslle a isto a abundancia de diminutivos que non diminúen, senón que son aproximativos ou afectivos; apreciativas que chegan afectivamente ao interlocutor… Amén do pronome de solidariedade, co que facemos ao interlocutor solidario dos nosos sentimentos. Cando dicimos “téñoche moito traballo”, non indico que teña traballo para ti, senón  que simplemente, envólvote nos meus sentimentos”

“No plano do oficio simbólico, nas parroquias rurais, onde se sitúan tantas imaxes de santos , eu poñería  os trebellos da agricultura de tempos pasados, como memoria subversiva, que diría o teólogo Metz, do que foi a vida dos devanceiros. Pero comprendo que moitos cregos non encaixen esta tolemia, porque en definitiva, a nosa formación é escolástica, racionalista e só aprecia signos que se din eficaces e que seica operan automaticamente, e nunca nada nos dixeron da forza do símbolo que, como di Paul Ricoeur “dá que pensar”.

“O galeguismo non é un vestido, especie de traxe rexional, senón unha militancia pola galeguidade, que consiste en facer explícito o que está nas entrañas do pobo”

“Vexo a urxencia dun cambio: pasar da “salvación” á “creación”, que é máis secular. Necesitamos unha relixión máis humana. Haberá que pensar con Schillebeeckx que “fóra do mundo non hai salvación” e que nos chama o clamor da terra.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s