Editorial


XOSÉ CHAO REGO,

galeguismo, esperanza e liberdade… a pesar de todo

Esta foi a carta de presentación da homenaxe a Pepe Chao, inspirador e impulsor de Irimia, que recentemente se celebrou na Biblioteca Pública Anxo Casal, de Santiago de Compostela.

 Foron as asociacións de veciños de Compostela, singularmente a Plataforma de Galeras, as que, co apoio de Irimia, puxeron a andar esa homenaxe, que encheu o auditorio da biblioteca. Foi precisamente ese carácter de iniciativa de base a que salientamos no acto como a característica que faría feliz a Chao. Sentirse querido por esa base social que fai país desde o pequeno, desde a proximidade, conmovía a Pepe Chao. Por iso sempre estaba disposto -e así o facía, como ben o acredita Sari, a súa compañeira- a ir ao sitio máis pequeno e afastado, chovese ou lostreguexase, para atender unha invitación dun grupo de veciños, dunha comunidade parroquial, dunha asociación cultural. Sempre facendo ese tipo de esforzos por vivificar o noso tecido social desde abaixo. Ese tipo de esforzos que fan país, pero non fan currículo.

No acto, do que traemos unha semblanza neste número -recompilando textos que alí se leron- participaron asociacións de veciños de Compostela, como a xa citada de Galeras e a do Casco histórico, pero tamén editoriais (SEPT, Galaxia, Xerais), fundacións (Penzol, Castelao, Alexandre Bóveda, Manuel María), Irimia e Encrucillada, e asociacións culturais afincadas en barrios ou territorios concretos como a de San Martiño Pinario, Terra de Outes, ou Xermolos, de Guitiriz.

Pepe Chao é pura actualidade porque desminte os maniqueísmos que nos destrúen, hoxe tan presentes. Foi quen de tender pontes, de acertar no que nos une, no fundamental, por riba de dogmatismos, bandos e anatemas.

Pepe Chao foi un crego excepcional no Ferrol convulso que preparaba a transición, así como un singular pensador, articulista, teólogo, profesor de galego e mestre da vida; intelectual desde a ética, creador dun relato inédito capaz de sintetizar tradicións e mundos por veces afastados. El dicíase renacido nun galeguismo entusiasta, mentres recreaba un cristianismo “de fronteira”: crítico, inculturado e libre. Sempre en diálogo. Algo atípico e desconcertante e non moi ben visto polas xerarquías.

 Será por iso que quen o recorda e homenaxea é a xente e non o arcebispado.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s