Ler para camiñar


La utilidad de lo inútil 

 O título do libriño éche un resumo perfecto. Este tempo de crise, cheo de luces para poucos e sombras para tantos, non pode asistir pasivamente á interesada destrución da cultura que o poder despreza e teme. A sociedade apunta no haber e considera útil só o que produce beneficio. Ou coas palabras de Antonio Machado, confunde valor e prezo, cousa de necios.

Nuccio Ordine, profesor de filosofía, reivindica o valor da literatura, dos clásicos que permanecen e aos que volvemos sempre. Denuncia os intentos de desintegración de universidades, auditorios, teatros, laboratorios, bibliotecas coa escusa da crise. Recortes de políticas miopes afectan ao pensamento, á filosofía, á música, ás artes, á investigación.

A cultura, claro, é ‘inútil’ en tempos de desolación neoliberal onde o diñeiro e a depredación domina todo. ‘Ademais é moi cara’, din. Ocultan que a ignorancia é infinitamente máis custosa porque arrinca a tiras a dignidade humana e condena a maioría ao apartheid dos berros, do carpe diem, do presentismo, da brutalidade, da ignorancia.descarga

Útil é o que nos fai mellores. As humanidades que nos cultivan e semellan condenadas. A filosofía que obriga a mirar nos adentros. O cadro que enche os soños de cores, preguntas e formas. O relato dos descubrimentos que axudaron a Humanidade describen uns inicios de dúbidas e aparente inutilidade. Espidas de intencións prácticas, as investigacións científicas teóricas parecían inútiles.

O homo oeconomicus semella entregado a acumular euros e poder. Pero, estámolo a ver, o éxito humano non pode estar nas grandes estafas, nos empresarios corruptores e políticos corrompidos,  nos futbolistas con soldos delincuentes, nas xigantescas corporacións que gañando tanto cotizan pouco, na lista Forbes. Son outras, outros os que fan avanzar a Humanidade polos camiños da mellor humanidade.

A felicidade tamén é útil. Está nos xestos cotiás, nas cousas veciñas. Na beleza sen prezo que vive ao redor: a eclosión dunha flor, a quentura dunha aperta, as folerpas de neve, o sorriso dun vello, os millóns de estrelas que encenden a noite, a música nos caneiros, o sincopado voo das bolboretas, o lenzo sen dono das paisaxes.

‘Se non compendremos a utilidade do inútil, ou a inutilidade do útil, non comprenderemos a arte’. Non podemos deixar que o gratuíto esmoreza. Nin renunciar á infinita forza do ‘inútil’. As columnas que sosteñen a Humanidade non son só as do beneficio. Só así entenderemos que o bo sempre é mellor que o útil.

La utilidad de lo inútil éche un oxímoron, un manifesto a favor da cultura. Un libro de Nuccio Ordine.

Juan Antonio Pinto Antón

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s