Política


Mal imos co corporativismo

 Rafael Catalá  debería ter dimitido cando foi reprobado polo Congreso por saltar a separación de poderes. Agora, demandan esa dimisión todas as agrupacións de xuíces e fiscais, nunha coral corporativa de escasos precedentes, porque o Ministro permitiuse insinuar que o atrabiliario voto particular na sentenza da manda debería terse evitado pola Administración de Xustiza dado que o xuíz discrepante tiña “problemas singulares que coñecía todo o mundo” e que aconsellarían a súa exclusión da causa. Xuíces e fiscais reaccionaron con especial dureza porque as palabras de Catalá, segundo eles, “alentan a deslexitimación do poder xudicial”, e implican “unha intromisión no labor do Consello Xeral do Poder Xudicial”.

Non cabe dúbida da evidente intromisión de Catalá, reincidente ademais, o que sería suficiente para cesalo. Os xuíces e fiscais  actúan  acertadamente ao acusaren ao Ministro  de axudar á deslexitimación do poder xudicial, pero cómpre recoñecer tamén que a sentenza, voto particular incluído, deslixitima tanto ou máis a xustiza que a torpeza do ministro. Catalá limítase realmente a reorientar o foco sobre o voto particular, afastándoo do contido e do fallo da sentenza. Seguramente o fai para congraciarse cunha opinión pública alporizada e para tratar de conter a hemorraxia electoral que o PP está a sufrir. Para iso, non dubida en buscar unha cabeza de turco no maxistrado disidente.Política

O Ministro deberá cesar, pero a deslexitimación do poder xudicial non descansa principalmente na súa errónea actuación, por moito que axude a ela, senón  que se produce polas múltiples actuacións nefastas da Xustiza deste país, por negárselle   medios técnicos e humanos á administración de xustiza, polo asasinato flagrante e practicamente diario de Montesquieu, polametástase da corrupción tamén no poder xudicial, polo rancio corporativismo dos profesionais da xustiza, coma neste caso e, sobre todo, porque Xustiza debe ser das institucións que mellor deixou atadas e ben atadas o franquismo. Baste como exemplo a pervivencia da anomalía da Audiencia Nacional, herdeira do TOP, que no seu día se xustificou coa loita contra o terrorismo de ETA.

A xustiza non se prestixiará nin polo uso e abuso da liturxia e adobíos con que se adornan as actuacións xudiciais, nin pola sobre actuación propia do corporativismo gremial, senón  polo exercicio correcto da súa función e por unha profunda renovación, eternamente pendente.

Carlos Vázquez G.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s