No momento en que escribo estas liñas todos os medios de comunicación e todos os políticos andan ás voltas coa disolución de ETA. Coma nas feiras todo o mundo fala segundo lle vai nela. Uns din que chega tarde, outros que é insuficiente, outros que hai que pechar moitas cousas e se cadra teñen razón. ETA fixo moito mal e proporcionou moito sufrimento. Fixo chorar a moitas nais e a moitos fillos e fillas e iso nunca pode ser bo.
Pero eu teño que dar unha imaxe esperanzada das cousas e sen dúbida hai motivos para a esperanza. Pensade que os nenos e nenas que están agora en primaria non van saber o que son os “telediarios” coa imaxe dos coches feitos unha masa informe de ferros e vidros. E se o saben vai ser tendo outros culpables ou como parte dunha historia ruín.
Na política hai moitos motivos nestes anos para botarse a tremer pero canto menos xa non hai apelacións ao medo e o temor. Chega un aire novo de primavera xusto no mes dos maios e nos mes das letras. Que queredes? Eu estou contento con pensar que hai un grupo terrorista menos no mundo.