O trasno: A nosa caste, o noso clan


Clan neardental.jpg

O discreto encanto da burguesía era unha película de Buñuel; para comezar váleme o título, por máis que o seu argumento importe menos. O discreto encanto de compartir poder, a complicidade de saberse parte dos elixidos pola historia, a espontánea simpatía e apoio mutuo que dá o feito de recoñecérmonos como a minoría que goza de privilexios “merecidos” que cómpre defender. Como a defensa en grupo dun clan neandertal a quen corresponde, por sorte ou por mil batallas previas, a mellor tenza do territorio. Territorio xeográfico, social ou económico. Colexios, barrios, clubs,… círculos políticos, relixión domesticada. Encapsulados, endogámicos, dominantes.

Ditaduras como a de Franco, opacas, sinistras, violentas, son espazos de oportunidade para a consolidación de castas e clans. Os fillos dos xenerais serán xenerais; os dos notarios están ben posicionados para seren xuíces ou avogados do Estado; os dos xuíces para seren rexistradores da propiedade, que é un chanzo para chegar a presidentes do goberno; e os dos grandes  empresarios, para ministros, se non valen para nada mellor. Así se consolidaron as elites que herdou a democracia constitucional.

Para a casta iso é o máis natural. Algo tan natural como a defensa da “famiglia” da Camorra napolitana ou dos narcos da Fariña arousá. Unha mensaxe á conselleira para ver se ten algo para este fillo meu que é un langrán; outra chamada a ese catedrático para ver como “podemos facer” para sacar un mestrado sen tanto requisito escufinido que unha ten máis que facer; un continuo “hoxe por ti, mañá por ti”.

O caso é ter alternativa. Ter un proxecto social e político diferente, unha acción de goberno sen rede clientelar. Ou reducida a excepcións anecdóticas, identificables e perseguidas. É posible?

O desafío é ver que se fai “cos nosos” cando se chega a gobernar un concello, unha deputación ou a Xunta. “Os nosos” son a proba de lume do cambio profundo, que xa o dicía un director xeral da parte nacionalista do goberno tripartito, “corpo a terra que veñen o nosos”. Cambiamos un clan por outro ou comezamos a vivir conforme á igualdade, mérito e unha acción positiva que compense as desigualdade de clase e orixe?

E isto é o máis difícil de entender para os proxectos alternativos. Por moito que cho pida o corpo, hai que termar del: co permiso de Lenin, non se trata de substituír unha tribo por outra, unha caste pola seguinte.

Daniel López Muñoz

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

%d bloggers like this: