Editorial: Facer posible e habitual o que é lóxico e necesario


Unha solución virtuosa é aquela que rompe un círculo vicioso, aquela que converte dous ou tres problemas nun remedio compartido. Resulta que durante séculos, aquí en Galicia, os nosos alimentos foron os producidos pola nosa pequena agricultura, fundamentalmente por labregas que os achegaban ao resto do mundo nos mercados e feiras. Todo baseado nunha cultura da confianza.

Era antes do plástico, da agroindustria, dos pesticidas, dos hipermercados e dos transportes antiecolóxicos polo globo adiante. Era antes da urbanización masificadora e dun abandono da aldea que agora se revela como o maior desafío da nosa terra. Era antes da xente nova masivamente en paro, da falta de alternativas vitais e do  desprezo do mellor e máis sostible recurso que temos: a capacidade das persoas que habitan unha terra de produciren alimentos agora e no futuro.

O encontro que se celebrou recentemente no pazo de Mariñán, promovido polo Concello de Brión e a Deputación da Coruña – as conclusións do cal traemos ás nosas páxinas centrais- trata precisamente diso: de facer que o que sempre se fixo ben, se poida seguir facendo: producir alimentos, vendelos e obter así rendas que permitan habitar a aldea, sen perder o norte, sen querer que sexan as mesmas empresas con verniz de calidade as que se apropien dos saberes, dos sabores e dos recursos.

Analizáronse experiencias francesas, catalás, vascas, navarras e palentinas que deron azos para saber que ademais de necesario é posible compartir micromatadoiros móbiles ou fixos, que reúnen todos os requisitos legais para o sacrificio de animais e que, en clave de colaboración, pódense utilizar por varias comunidades.

Permitiríase así facer posible o que é lóxico: satisfacer unha demanda existente de saúde criada nas casas, e ademais proporcionar uns ingresos que fagan visible aquel título dun libro de Calín e E. Carral O pequeno é grande, e mesmo de emprender proxectos non hipotecados de vida no rural.  Solución virtuosa feita por e para a xente.

Cómpre que as administracións  tomen estes “pequenos proxectos” en serio. Dunha vez. Igual que está pasando xa noutras latitudes. Porque son as cousas pequenas feitas por xente pequena as que realmente nos poden facer reaccionar. Aínda que non teñan fotos de inauguración.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: