Escoiteillo hai uns días a Andrés, un enxeñeiro técnico agrícola, que nos estivo dando uns cursos de poda e enxerto e máis de horta familiar ecolóxica: “Hoxe en día unha das práctica máis revolucionarias que existe é producir alimentos”. Loxicamente trátase de producir alimentos fóra da rede das grandes corporacións da alimentación, fóra do sistema, e polo tanto ofertándose no posible como alternativa ao sistema, aínda que sexa en pequenísima proporción.
Quen posúe a alimentación, quen posúe a auga, domina a humanidade. E estamos metidas nun proceso de control da nosa alimentación por unhas cantas grandes empresas da alimentación. Temos case perdida a nosa “soberanía alimentaria”, esa capacidade que debería ter cada país para producir os produtos básicos que garantan a existencia da poboación. Ceder niso é facernos dependentes, xustamente naquelas necesidades máis elementais para as que todo o mundo é sensible. Quen controle a alimentación ten as mans libres para condicionar a actividade dos gobernos, chegado o caso.
Por iso é tan perigoso que convertamos Galicia nun eucaliptal, renunciando á produción de alimentos en terras habilitadas para iso durante centos de anos. Cómpre lembrar que conseguir un milímetro de terra produtiva leva uns 15 anos de traballo na terra. Canto traballo de xeracións e xeracións de xente labrega hai amoreado nas nosas terras, para telas convertido en terras ricas e produtivas e telas conservado como tales! Por iso é tan importante desde o campo e desde a cidade, ofrecendo e demandando, potenciar formulas produtivas entre nós, no País. Por iso é tan importante coñecer e favorecer experiencias nesta liña, como poderemos facelo os días 26 e 27 de maio en Tronceda, Castro Caldelas, Ourense, participando no encontro anual que vén organizando o colectivo “Vivimosnorural”. No seu momento, nesta mesma revista informarase de todo o necesario para pasarmos unha ou dúas estupendas xornadas, gozando dunha paisaxe excepcional e coñecendo e aplaudindo –seguro— experiencias rurais que reaniman o conxunto da poboación, rurais ou non. Alí nos veremos, logo.
Manuel Regal Ledo