DOMINGO 6 de maio. VI de Pascua


Love your neighbour
Créditos foto: Nina Strehl, @ninastreshl

A PALABRA Xn 15, 9–17

Naquel tempo, dixo Xesús aos seus discípulos: «Coma me amou o Pai, así vos amei eu: permanecede no meu amor. Se gardades os meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, coma eu gardei os mandamentos de meu Pai, e permanezo no seu amor. Díxenvos estas cousas, para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa plena. Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros coma eu vos amei. Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos. Vós sodes amigos meus, se facedes canto eu vos mando. Xa non vos chamo servos, que o servo non sabe o que fai o seu señor: a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai déivolo a coñecer. Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós; e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza; de xeito que todo o que lle pidades ao Pai no meu nome, volo conceda. Mándovos isto: que vos amedes uns a outros.»

A CLAVE: Que vos amedes uns a outr@s…

Carme Soto

O capítulo 15 de Xoán é todo un deseño do que debe ser o discipulado tal como o mestre o soñou. Neste texto céntrase en definir a conduta que ha de caracterizar a homes e mulleres que queren seguir a Xesús. A gran palabra que preside toda esta parte do discurso do mestre é “amor”. O amor é o que fai que os/as que teñen fe sexan de verdade crentes e poidan formar parte da comunidade do Reino. Porque este amor vai máis aló do sentimento, é unha maneira de actuar que nace dunha forma de crer en Deus.

Xesús expón en primeiro lugar que o referente de actuación é a relación que el ten con Deus. Non especifica como é esa relación, pero non fai falla, pois toda a súa vida expresa esa relación (Xn 15, 9-11). En segundo lugar, presenta cal é o signo que vai permitirlle os seus amigos e amigas discernir a calidade do seu amor, e este é a entrega. Unha entrega que non nace do esforzo ascético, nin do deber relixioso, senón do encontro cun Deus que é amor e gratuidade. So desde a certeza profunda de que Deus é así, é posible construír a comunidade e vivir a fe (Xn 15, 12-15).

Por último, o mestre recorda que o discipulado non se herda, nin se adquire por méritos, é un encontro libre, no que Xesús toma a iniciativa. Un encontro que abre a nosa vida a novidade que nace da esperanza e do compromiso (Xn 15, 16- 17).

A comunidade de Xoán que tivo moitas dificultades para sobrevivir nos primeiros tempos, mostra, no seu recordo destas palabras de Xesús durante a derradeira cea, que tiña claro que a súa fidelidade o proxecto do Reino pasaba por vivir dende un amor entregado como o do mestre.

O ECO

Olga Álvarez

Como dicía Santo Agostiño: “ama e fai o que queiras”. Non hai necesidade de mandamentos, nin de ninguén que diga o que hai que facer. Todos temos conciencia, que nos di o que está ben. E, como di José M.ª Castillo, a pouco que se pense nos feitos dos evanxeos, pronto dáse un conta de que se refiren, case sempre, a dous grandes temas: a saúde (curacións de enfermos) e a alimentación (comidas compartidas, banquetes, etc.). E, polo que se refire aos discursos, dun xeito ou doutro, sempre viran en torno ás relacións humanas (honradez, bondade, perdón, misericordia, amor …).

Todo isto mestúrase con situacións de conflito cos “homes da relixión”. Ata tal extremo, que os dirixentes da relixión viron que tiñan que matar a Xesús. Viron que “o de Xesús” e “o deles” eran proxectos incompatibles. Pois eles centraban os seus intereses no sometimiento ás normas e ritos sagrados e Xesús centrou as súas preocupacións en tres cuestións fundamentais para as persoas: saúde, alimentación compartida e relacións humanas que nos unen e nos fan mellores. E niso céntrase o Evanxeo.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s