A alma da caixa B
A estas alturas da emisión non é moi arriscado dicir que boa parte do lectorado desta columna forma parte da audiencia da serie Fariña. E aínda que así non fose, tampouco é moito revelar que os narcos utilizaron as contas bancarias de xente do común allea á organización a xeito de homes e mulleres de palla (coa complicidade do banco, claro) dividindo as obscenas cantidades de cartos en sumas máis discretas.Pois por iso mesmo é polo que están imputados directivos e empregados de Caixabank, pero neste caso non para favoreceren a ningún arousán, senón para poñerse ao servizo da mafia chinesa. O xeito de lavar o diñeiro era o mesmo: fraccionar facturas, poñer empresas pantalla e listo. E coa banca on line ata seica aforran os homes de palla. E así lavaron un Cristiano Ronaldo, ou medio Neymar, é dicir 100 millóns de euros, que o xuíz Moreno presuma polo momento. Xa veremos en que acaba o asunto, pero a este fachineiro veulle a cabeza o lema co que se anuncia este banco para crear a súa imaxe de marca “el alma de la Caixa”. E lembremos que esta foi unha das patrióticas empresas que sacaron a súa sede de Cataluña para agrado de Rajoy e para que nada os vencellase co independentismo. Moito mellor a mafia chinesa. Onde vai parar.
A.Q.