Falando da lingua: Coa cabeza a ferver…


Entre pau e pau folgan as costas… Desta volta préstanos ben este dito, que os portugueses din “Enquanto o pau vai e vem, folgam as costas…” Que ben acaecido é tamén na lingua irmá. Évos así desta volta: hoxe non está o alcacén para gaitas, tampouco o forno para bolos… Hoxe non levamos dúas a cabalo… Haivos días así… Di a compañeira Juana “Andar con burros e non ter un pau na man…” Será esa a causa… Si, hai xente á que lle hai que afalar para que se mova… É estrondosa a expresión, pero redonda… Desde que lla oímos, sóbrannos ocasións para botar man dela…

Falando da lingua (1)
PÉ DE FOTO: Quen con lobos anda, a ouvear aprende…

Calmémonos, acouguemos, apouviguémonos, serenémonos…, que, total, é o que hai… A árbore que nace torta, tarde ou nunca endereita… E burra vella non aprende andadura, e se a aprende, pouco lle dura…

Ai, hoxe parece que encarreiramos o refraneiro… E non estaba previsto… A ver se nos dámos distraído… Pois mirade por onde, no primeiro parágrafo saíu iso de “afalar”. Non nos enganamos, non, aínda que parece que estamos algo levadas do demo, non nos despistamos: é correcto dicir “falar” e “afalar”, ese “a” protético, que vai soldado ao principio da palabra, simplemente fai dela un sinónimo de “falar”, cun  significado máis restrinxido, pero sinónimo. “Afalar” emprégase, sobre todo, para “animar a un animal para que se mova”, incluso aguillándoo ou aguilloándoo, isto é cunha vara que ten un aguillón, un cravo ou unha punta nun extremo, pero tamén se emprega para as persoas, sempre coa idea de estimulalas; agora ben, tamén hai quen o usa coa idea de “afalar para tranquilizar”, e así está recollido tamén no Dicionario da Real Academia Galega: “Afálame para que non teña medo”.

Nós tamén xa nos tranquilizamos unha miguiña, xa acougamos un chisquiño…  O que veña detrás, que sache…

O papel ten conta do que lle poñen…

Lidia e Valentina

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s