Domingo 22 de abril. IV de Pascua


A PALABRA. Xn 10, 11-18

Naquel tempo dixo Xesús: «Eu son o Bo Pastor. O Bo Pastor dá a súa vida polas ovellas. O criado, que non é pastor, de quen non son as ovellas, cando ve vir o lobo, deixa as ovellas e foxe e o lobo rapínaas e dispérsaas; porque el anda ao xornal e as ovellas non lle importan. Eu son o Bo Pastor: coñezo as miñas e as miñas coñécenme a min. Igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai, e dou a miña vida polas ovellas. Teño ademais outras ovellas que non son deste curro: tamén a esas as teño que guiar, e escoitarán a miña voz e farase un único rabaño e un único pastor. Por iso ámame o Pai: porque eu dou a miña vida, para tomala de novo. Ninguén ma quita; non, eu douna voluntariamente. Teño poder para dala e teño poder para tomala de novo. Este mandato recibino do meu Pai.»

A CLAVE

Marisa de Corme

Xoán diferencia dous tipos de pastores: os que están polos cartos e os que están polas ovellas. Nesta liña, Paulo xa avisaba a quen na comunidade quería vivir a conta do traballo pastoral: “o que non traballe que non coma” (2Tes 3, 7-10).

O traballo dos coidados, entendido coma profesión, ten que ser un traballo remunerado, con dereitos. Así é lexítima a loita das asociacións de empregadas do fogar, como Xiara, que reivindican a súa dignidade laboral. Pero a parábola fala das persoas que atenden e coidan pastoralmente unha comunidade. Vivimos nun mundo no que os cartos son a medida de todo, así que temos que revisar a relación entre acción pastoral e cartos.

A atención pastoral non pode ser unha profesión. Vémolo ben nos catequistas e en quen coida de balde o funcionamento das nosas parroquias. Non están polos cartos, están porque cren na comunidade cristiá como semente de transformación deste mundo en camiño cara ao Reino de Deus. O mesmo Paulo, o apóstolo, buscaba sempre un traballo co que se manter mentres predicaba. Nesta liña, o movemento dos curas obreiros paréceme unha das loitas proféticas e evanxélicas máis xenuínas do pasado século, pois propón inserir os nosos pastores no mundo laboral, no mundo secular, desprofesionalizando a acción pastoral.

ovellas_fonsa
Foto Wikimedia

O Eco:  Un único rabaño e un único pastor

Christina

 Non esquecerei aquela tarde de auga salvaxe sobre da viliña antiga de Rocamadour, no corazón dunha montaña francesa. O noso coche encóntrase sen querer, nun carreiriño, cun mar branco cheo de ollos que se  nega en masa a pasar a carón noso. Detémonos, a pastora manda apagar o motor e despois as luces, a case temos que conter a respiración, o Tori mais eu, nin movernos para que non acaben caendo polo monte ou… nin sei, obedeciamos á pastora cegamente. Pero ela sabía que facer, colleu a unha soa delas, ela sabería cal, e fíxoa saltar por riba do coche. De inmediato as outras buscaron a forma de reunirse con ela. Xa confiaban, ían pasando unha a unha a bo ritmo.

Cando o atranco parece atranco, saber que o atranco, nas túas mans faise camiño, confiar en quen pasou primeiro e saltar, un pé diante de outro. Non preciso saber que hai despois, nin saber nada de nada. So preciso confiar, con esa confianza amorosa e teimuda de quen sabe que so expóndose pode atopar saída.

Descubrirme vulnerable e dar grazas porque aí é onde aprendo canto me cómpre saber.

Hai unha soa vocación: a de ovella e so un pastor. Un único e adorado Pastor, inconfundible porque el é quen te colle polas patas, queiras ou non, e te bota polos aires, quen te aguilloa para que te movas ou che quita á que sobra. Non sabes onde vas parar, mais de aquelas ovellas aprendín o gozo lene e repentino da ledicia de confiar e descansar.

Este é o domingo dedicado, desde hai mais de 50 anos, á “oración polas vocacións”. Feliz vocación de ovellas, irmáns e irmás, onde sexa que vos toque no rabaño, imos xuntos e iso abonda. A confianza cega que vence todos os medos faranos familia algún día.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑

%d bloggers like this: