Páxinas centrais


Imaxe Actualidade

Cinco anos dunha sorpresa chamada Francisco

Rubén Aramburu

  • Francesco, repara a miña Igrexa ruinosa (Rubén Aramburu)

Chovía en Armenteira na tarde do 13 de marzo do 2013. Rematadas as vésperas, correu a nova da fumata branca. Recordo os nervios. Non había TV, e xuntámonos diante da habitación do Padre Juan María; a través dun portátil e da wifi conectamos coas imaxes. Foi un pequeno barullo cisterciense: as irmás, o capelán, eu. A voz tremente do cardeal Toureau anunciou: Cardeal Bergoglio!-Francisco! Veume a imaxe do poverello de Asís, ante a cruz de San Damián escoitando a voz de Xesús: “Francesco, repara a miña Igrexa ruinosa”. E Francesco, o dos pés descalzos e vestido de saco, inundou a igrexa de alegría, de sinxeleza e fraternidade, abrazando a santa pobreza. “Canto me había gustar unha Igrexa pobre!”. Foi unha das primeiras palabras do Papa Francisco.

Van 5 anos. Francisco amosou o evanxeo con xestos que valen por un cento de encíclicas, xestos que chegan ao corazón da xente, e da xente máis necesitada deles. Xestos que enfadan a moitos instalados en ritos e seguridades terreas. Será tarde, Francisco? agora que a vella Europa parece esquecer a Deus? Cantos retos aínda… Unha igrexa comunitaria onde o clero non sexa casta dirixente, fraternidade de mulleres e homes por igual. Unha igrexa curadora, menos preocupada de sacrificios rituais e si dos humanos sacrificados. Igrexa, que tes que dicir de ti mesma? Preguntaba o Concilio. Francisco, que nos dis de Xesús? Aí van estes versos de Alberti, dedicados:

Di, Jesucristo, ¿por qué
me besan tanto los pies?

Soy San Pedro aquí sentado,
en bronce inmovilizado,
no puedo mirar de lado
ni pegar un puntapié,
pues tengo los pies gastados,
como ves.

Haz un milagro, Señor.
Déjame bajar al río,
volver a ser pescador,
que es lo mío.

  • Francisco: cinco anos dun sorriso para cambiar a Igrexa  (Santiago González Avión)Captura de pantalla 2018-04-08 a las 22.58.25

Hai cinco anos, para min a noticia era a renuncia de Bieito XVI. Constituía o recoñecemento da impotencia no empeño pola limpeza fronte á corrupción nas finanzas do Vaticano. En troques, pensei sinceramente que ningún bispo de Roma electo entre os cardeais nomeados por Xoán Paulo II podía levar adiante un labor de reforma da Igrexa Católica que fose do meu interese. Por iso, ao comezo, Francisco foi para min só un sorriso amable. Certamente era de agradecer, logo de tanto aceno adusto.

Logo viñeron as novas sobre a visita á prisión, a viaxe apostólica a Lampedusa e outros xestos que apuntaban a un fondo cambio na sensibilidade social. Para quen nada espera, eses cambios son motivo de alegría, sen dúbida. Aínda que xa vivimos tempos en que a Igrexa apuntaba a un tempo ao progreso social e ao conservadorismo na moral e na propia organización eclesial.

Pero axiña apareceron outros sinais de cambio. Para min os máis significativos estiveron no novo enfoque de loita contra a pederastia e os abusos sexuais na Igrexa, así como o afondamento nos cambios nas finanzas do Vaticano, a cruz de Bieito XVI. Pero aos poucos apareceu unha clara apertura nas cuestións relativas á familia, á moralidade e, o que é máis importante, un desbloqueo da cuestión do papel da muller na Igrexa. Do punto de vista da vítimas non foi suficiente, desde a óptica das mulleres son pasos moi tímidos, as reformas camiñan lentas. Pode non ser suficiente, pode haber unha volta atrás. Pero durante estes anos volvemos sorrir, volvemos ter esperanza.

  • Chegou o papa a Galiza? (Christna Moreira)

Christina MoreiraChegou, xeneroso de palabras e feitos que soan a auga do pozo de Samaria, e ás veces a trono indignado ante as inxustizas; bebe no Evanxeo.

A nosa xente enchoupouse deses aires de liberdade de palabra infrecuentes, cando menos nabanda que me toca vivir da igrexa galega de boa vontade. Tanto así que me sinto animada a falar abertamente diso, como muller e feminista na Igrexa e no mundo.

Francisco é un home bo -nada fai supor que os antecesores non o fosen-, expresa agarimo e respecto polas mulleres, con real compaixón. Ten xestos de escoita e lanza moitas redes, como a comisión das diaconisas (u-los resultados?, por certo) e o sínodo das mulleres (do que se exclúen as disidentes, por certo). Ten expresións propias da súa cultura e xeración e desacertos, ao meu ver, como a súa elaboración do “xenio feminino” ou a crítica das “monxas murmuradoras”, por non falar da continuidade teimuda no tema do pleno acceso das mulleres na súa Igrexa á totalidade dos sacramentos. Para o sacerdocio feminino ten unha “porta pechada” sen pechadura, creada por outros.

Observo que desde Galicia, sen nisto sermos moi diferentes doutras terras da nosa contorna, adoitamos cultivar o talante buenista, tan usual e ferinte para o meu xénero. Apoiar, sumarse ao carro dos aplausos sen reservas, para o seu pontificado fronte ao perigo ultraconservador que dá moito medo e podería, seica, acabar con el.

Existe unha estratexia para silenciar ou modular sensiblemente as voces reivindicativas ou discordantes, que afecta especialmente ás mulleres, que o que fai éapuntalar un edificio patriarcal. As maceiras non dan peras: defendermos a papá a expensas de tragarmos as propias necesidades, expresar as nosas ideas e visións de Igrexa e sociedade, significa auto inflixirnos violencia para que o sistema non quebre. Non teño espazo aquí para relatar polo miúdo todas as veces nas que me vin exposta e maltratada por esa vía, co anterior papa por “carca” e con este porque… “pobriño”.

Francisco pediu que “fagamos lío”; apoio a súa moción. El gustaría de que nós sexamos Igrexa, nósmesmas, ver os nosos feitos concretos, escoitar as nosas palabras veraces sen pelos na lingua. Si, el chegou, pode que estea a agardar na porta que o acollamos na nosa casa, co que realmente somos, homes, mulleres, galegas… O máis valioso que unha persoa humana pode dar é asi mesma; e iso é amar. Calar non sempre o é.

Galicia, as súas mulleres e homes, poden aportar a súa parte de ar fresco que o Reino precisa para facerse presente. Propoño que a prioridade non sexa apuntalar o vello sistema patriarcal,senón ser nós mesmas, con dignidade e tenrura toda, sen medos e estratexias. Transparentes como o Resucitado, resucitadas nós tamén.

Palabra de muller.

  • Francisco,coworkings e templos (Lucía Santiago Díaz)

Lucía SantiagoCando me preguntaron pola miña percepción sobre os cinco anos nos que Francisco leva “no cargo” e a súa influencia en Galicia e nos ambientes nos que eu me movo, viñéronme á cabeza dúas preguntas.

Por un lado, “chegou Francisco á xente nova, aos coworkings (os novos espazos de traballo colaborativo), ás e aos freelances que están a crear os oficios do futuro?”. É dicir, chegou a súa mensaxe renovada e actualizada aos espazos e ás persoas que están liderando o cambio na nosa terriña?

Por outro lado, “chegou Francisco á Igrexa Galega?”. Meteuse nos templos, lavou as caras longas dos que predican o medo e fixo remexer “aos de sempre” na súa cadeira do poder? En definitiva, chegou o cambio a Galicia?

Visto así, parecen dous mundos opostos. E como tales, responderon de xeito diferente ante a mensaxe de Francisco.

Respecto do primeiro, a miña percepción é que Francisco chegou, pero non callou. A súa mensaxe é aceptada e respectada, pois é coherente cos principios e valores das persoas que se moven nestes ambientes, pero non é “rompedora”, nin “sexi” abondo como para namorar.

No segundo, a visión que proxecta Francisco chegou como auga de maioaos que xa estaban antes nunha liña similar. Os últimos anos de papado foran duros. Francisco dou autoridade aos que non a tiñan e quitoulle (parte de) lexitimidade aos outros. Pero Galicia e Roma estanche a varios quilómetros de distancia, e as estruturas de poder sonche duras de roer. Calan e esperan que, como no “Il Gattopardo”, todo cambie para que todo siga igual.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s