Entrevista páxinas centrais


Infancia Solidaria:

Cooperación directa entre familias de aquí e dos países do Sur

No número anterior inserimos unha páxina na que se informaba de que a ONG “Infancia solidaria”, que comeza un proceso de implantación en Galicia, precisaba familias dispostas e capaces de acolleren -por un período medio de tres meses- a meniños africanos e latinoamericanos que veñen operarse á Coruña, acompañados da súa nai. Conversamos con Jesús Medín, que promove este programa, e así podermos entrar nos detalles que seguro que serán de interese para quen se sinta chamado a colaborar neste proxecto.

Cal é o perfil dos nenos e nenas que pensades traer?

Son nenos con enfermidades graves que proceden de África ou América Latina e que non poder ser operados nos seus países de orixe. A maioría están nun tramo de idade entre 1 e 8 anos, anque tamén pode vir algún adolescente.

Cantos proxectades traer de momento?

Temos un acordo de colaboración coa Consellería de Sanidade para poder operar en Galicia 8 nenos por ano, a maioría serán nenos con cardiopatías graves que van ser operados no Hospital Materno-Infantil da Coruña, que é un centro referente na atención a estas enfermidades. Tamén temos un acordo de colaboración con Quironsalud para poder operar uns 2 nenos por ano no Hospital de Pontevedra e que padecen graves problemas oculares.

Sempre virán acompañados da súa nai? 

 Sí, os nenos sempre viaxan acompañados da súa nai ou, ás veces, do seu pai.

Quizais sexa unha pregunta obvia, pero cómpre facela: Que vantaxe ten que veña a nai (ou un familiar achegado) con respecto a outros modelos parecidos nos que vén o rapaz soíño? 

 Ante todo quero dicir que hai tantos nenos de países de África ou América Latina que precisan ser operados para poder salvar as súas vidas que todas as iniciativas que colaboran nesta causa social son imprescindibles. O feito de os nenos viren acompañados das súas nais achégalles un apoio e unha seguridade afectiva que son tan importantes cando un se somete a unha situación tan delicada como é unha operación cirúrxica e, ademais, nun país distinto ao teu.

Que lle pedides ás familias de acollida?

Ás familias pídeselles que acollan o neno e a súa nai durante todo o proceso que supón a atención médica para que os nenos poidan ser operados. Normalmente este proceso dura entre dous e tres meses. A acollida supón dar desinteresadamente o aloxamento e a manutención do neno ou nena e da súa nai. Tamén o acompañamento durante todo o tempo da estancia en Galicia. Cando entrevistamos as posibles familias de acollida insistimos moito na importancia de poder comprender as distintas culturas das mamás e os nenos que veñen. Por iso lles entregamos e explicamos un documento titulado “Carta de convivencia para nenos enfermos que veñan a operarse xunto coas súas nais, as familias de acollida e os voluntarios da ONG Infancia Solidaria”. Este documento recolle recomendacións para facilitar a estancia dos rapaces e as súas nais.

Que apoio recibirán esas familias?

As familias contan co apoio dos coordinadores locais de “Infancia Solidaria” que os acompañan desde que os pequenos e as súas nais chegan ao aeroporto ata que marchan.

Os coordinadores están presentes nos momentos clave da atención médica: planificación das citas preparatorias da intervención cirúrxica, na propia operación e no seu seguimento.

Os coordinadores tamén organizan o traballo dos voluntarios que apoian as familias con quendas no Hospital para acompañar os nenos e as súas nais. Os voluntarios tamén apoian as familias acompañando os nenos e as súas nais nos momentos de lecer e tempo libre.

Igualmente, as familias contarán co apoio de intérpretes voluntarios, no caso de nenos de países africanos, para que estean presentes cando chegan ao aeroporto coas súas nais e nas principais citas médicas.

Cal é o “trato” ao que se chega entre “Infancia Solidaria” e a familia? 

O trato consiste en que as familias asumen o aloxamento, manunteción e acompañamento dos nenos que xunto ás súas nais veñen operarse a Galicia e que contarán co apoio dos coordinadores e voluntarios de “Infancia Solidaria” para axudar nas estancias dos nenos no Hospital e nos espazos de ocio e tempo libre.

En canto aos custos económicos, as familias asumen os gastos de aloxamento e manutención e “Infancia Solidaria” asume os gastos da viaxe dos nenos e as súas nais e os posibles gastos médicos complementarios á atención hospitalaria.

Como valoran as familias a súa experiencia de acollida?

Pois valórana como moi gratificante e manifestan que reciben máis do que dan. Os lazos afectivos que se establecen cos nenos e as súas nais perduran máis alá do tempo da acollida, xa que as familias seguen en contacto e normalmente apoiando os nenos cando estes regresan aos seus países de orixe.

Se ben en Galicia está empezando, “Infancia solidaria” xa ten unha traxectoria importante noutras zonas do Estado. Como nace e como evoluciona?

 “Infancia Solidaria” nace en 2006 cando Pepo Díaz, o seu fundador, se conmove coa foto dunha nena malferida na guerra de Irak e decide tratar de traela a Madrid a operarse. A partir desta experiencia, Pepo pregúntase se é posible axudar a máis nenos e crea a Fundación “Infancia Solidaria”. Esta ONG, composta exclusivamente por voluntarios, crece co apoio xeneroso de moitas persoas e familias de acollida que fan posible que máis de 240 nenos de África e América Latina fosen xa operados en Andalucía, Cataluña, Madrid, Valencia, Aragón e Cantabria. Ademáis da atención médica aos nenos, “Infancia Solidaria” coopera na medida das súas posibilidades con pequenos proxectos de cooperación coa infancia en Etiopía, Kenia, Guinea Bisau, Nepal e Vietnam.

Por certo, por que iso de “Infancia solidaria”, se os solidarios son outros, e sobre todo as outras, e non os “infantes”? 

Ten que ver co enfoque que se lle dá ao papel dos socios da Fundación. Se entras na páxina Web da ONG explícase que os nenos de aquí son os socios, son nenos que axudan a outros nenos, de aí o do nome de “Infancia Solidaria”

Se estás interesado conecta con Jesus Medín, Coordinador de Infancia Solidaria Galicia. Móvil: 667 596 675. Mail: medin.social@gmail.com

DLM

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s