Actualidade


Posverdade Paquidérmica

Levo xa un tempo traballando de bibliotecaria na universidade pública, primeiro na Coruña e agora en Compostela. En 2017 decidín cursar un mestrado en biblioteconomía para non perderme neste transo ao dixital que se está a producir na profesión. Nesa decisión tamén influíu, ademais, a esperanza de que nun eventual concurso de traslados poida facer valer como mérito o meu esforzo. Pola miña dobre condición de funcionaria da universidade e estudante, observo con curiosidade e estupor o caso Cifuentes. Unha circunstancia a maiores cativa o meu interese no asunto: son coñecedora das manobras baseadas na intimidación por parte de superiores, na concesión fraudulenta e arbitraria de favores e na falsidade; manobras moi semellantes, noutro contexto, ás que agroman no caso da presidenta de Madrid. Sinto fascinación e horror, a partes iguais, ante a arte e o enxeño posto ao servizo do interese persoal.

Curso un mestrado na Carlos III, tamén madrileña. É a única, de entre as públicas, que ofrece o meu programa a distancia, única opción para quen traballa e estuda. Por máis que busquei, ningunha universidade permitía substituír a asistencia obrigatoria por traballos individuais, como disque se lle permitiu a Cifuentes. A miña experiencia é dura, pero moi satisfactoria, arredada das “flexibilidades” ás que aludía a presidenta para explicar o excepcional trato que a Universidade Rey Juan Carlos lle dispensou: métodos de avaliación diferentes, pactados privadamente co profesorado, cambios de notas, un traballo fin de mestrado aprobado por un tribunal que nunca se reuniu, entre outros agasallos.

O da “flexibilidade” importa. Ilustra moi ben o desprezo e asoballamento dos principios do servizo público na Universidade, que é precisamente unha fonte de lexitimidade e prestixio para o “público”. Primeiro, porque esta institución, con todos os seus fallos, garante a igualdade de oportunidades entre o alumnado de maneira moi aceptable, case heroica. Sen padriños nin trampas: fai falla só unha nota de corte. E baseándome na experiencia, a falta dun estudo máis rigoroso, afirmo que cursar estudos medios nun colexio privado non outorga vantaxe competitiva ningunha para acadar bos resultados na Universidade.

En segundo lugar, a “flexibilidade” que Cifuentes quixo para si desprestixia a universidade ao asimilala, na súa xestión, cun negocio de arrimados ao poder que desprezan o procedemento, é dicir, a legalidade. Como se molestase ter que andar con esas andrómenas. E as contradicións dos máximos responsables da Universidade Rey Juan Carlos, o cruce de acusacións entre eles, dan credibilidade á versión do argumentario do PP que di: “Quen embarullou todo foi a universidade; Cifuentes é vítima dunha administración atrapallada, merecente dunha investigación que aclare cantos máis alumnos hai afectados por erros semellantes”. Unha posverdade paquidérmica.

Xa digo, sigo o caso con interese e estupor. Sorprendida, por veces mesmo divertida, de ata onde pode retorcerse a realidade antes de que fenda.

María Illa

 

Desprezan o procedemento, a legalidade. Como se molestasen esas andrómenas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s