O noso taboleiro


XXXVI Encontro da Coordinadora de Crentes Galeg@s

O pasado 7 de abril reunímonos os colectivos que formamos parte da Coordinadora. Esta vez o tema que iamos tratar era: a desigualdade na que vivimos e a igualdade que soñamos.

Alfonso Mascuñana fixo a introdución recordándonos que a desigualdade presente na nosa sociedade é un síntoma da desorde global na que vivimos e que esa igualdade que desexamos, como diciamos no Documento da Paz, ten inimigos, saíu da crise malferida, non é barata e, sobre todo, é unha tarefa na que todos temos que aportar.

O noso taboleiro

Dedicamos o resto da mañá a analizar as pegadas da desigualdade en tres colectivos da nosa sociedade: a infancia, a xuventude e as persoas maiores.

Maricarmen Ariza presentounos a iniciativa “A las 5”, unha bocatería que montaron en Vigo un grupo de voluntarios, de maneira autoxestonaria. Nela os nenos con dificultades, á vez que reciben apoio escolar, poden merendar. Comezaron por atender a infancia, pero agora xa teñen aberto o local a toda a familia, para que todos “poidan ir para a cama con algo no estómago”. Comentáronse tamén outras iniciativas de apertura de comedores no verán, cando pechan as escolas. Son maneiras de atender ás novas formas de pobreza que van aparecendo como efecto do aumento das desigualdades. Fíxose fincapé en que este tipo de respostas deberían ser organizadas desde as administracións, xa que delas é a responsabilidade.

 A continuación, tratamos de analizar as principais dificultades coas que se atopa a xuventude: empeoramento das condicións laborais con contratos “lixo” e salarios que non permiten independizarse, necesidade de emigrar persoas con altos niveis de formación, maior dificultade para acceder a estudos universitarios, fracaso escolar, falta de expectativas… Viamos que hai unha parte que se organiza e loita pero preocúpanos que a maioría ven a situación como algo “normal”. Cremos que é necesario recoñecer que non o teñen fácil e acompañalos na defensa dos seus dereitos.

Despois do descanso, Guillermo Fontán de MODEPEN, expúxonos con moita claridade os problemas polos que están a pasar moitos pensionistas do noso país. Algunhas cifras que nos sorprenderon: 5 millóns cobran menos do salario mínimo interprofesional e 1 millón menos de 350 €. Se a isto unimos a falta de residencias públicas, os desafiuzamentos, a falta de calefacción, os cortes de luz, a alimentación deficiente…, podemos facernos unha idea da situación de precariedade na que viven moitos dos nosos maiores. É necesario defender un sistema público de pensións de calidade e desmontar os falsos mitos que din que non é posible mantelo.

 Foron moitas as alternativas que xurdiron ao longo do debate: a proposta da Renda Básica para un reparto máis xusto da riqueza existente, a busca de solucións colectivas e de cooperación para o coidado das persoas maiores, impor unha taxa aos robots que están a substituír postos de traballo… Toda unha tarefa a que nos queda por diante.

Rematamos o día compartindo a palabra, o pan e o viño e unha fermosa pregaria que, para a ocasión, prepararon os compañeiros da Vangarda Obreira.

E, como diciamos durante o encontro: Contra a desigualdade… O COMÚN.

Josecho Barca

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s