Desmesuras
Como sinalamos no seu momento, a Puigdemont pasoulle como Agamenón –que volvendo vencedor da guerra de Troia sacrificou a súa filla Ifixenia para poder continuar a singradura. É dicir, que perdeu a lexitimidade polas présas en chegar, a pesar de que viña cargado de argumentos lexítimos, como ese de que unha amplísima maioría da poboación catalá quería ser consultada nun referendo con debate e garantías.
Porque pasaron cousas.
Habería que sumar a insuficiencia de apoio electoral para lanzarse pola vía unilateral, a “sorpresa” pola fuga de empresas e o principio de acción-reacción, ese que encirrou e mobilizou un españolismo centralista antes adurmiñado e vergonzante, pero agora fachendoso e agresivo, dentro e fóra de Cataluña. Un escenario ideal, soñado, para aplicar o artigo 155 da Constitución cun custo mínimo para Rajoy. Un Rajoy, ademais, que necesita de Cataluña, das cicloxéneses explosivas e dos familiares de vítimas de crimes horrendos para que os telexornais dediquen o menor tempo posible á incrible, disparatada, monumental colección de casos escandalosos e sumarios de corrupción, mentira e mal goberno protagonizados polo PP, Máster de Cifuentes incluído.
Pero pasaron máis cousas. E a batalla deu outra volta.
Porque á Audiencia Nacional e ao Supremo se lles foi a man. E o que denunciamos como unha desproporción descomunal foi confirmado pola xustiza alemá. A principal acusación contra os políticos cataláns na cadea, a que xustifica esa brutal prisión preventiva, é a de delito de rebelión, xusto a que non é recoñecida polo xuíz alemán, porque non ve unha estratexia de uso da violencia coactiva contra o Estado. Europa tamén ve o mesmo ca nós: unha desproporción. Non hai tal violencia. A violencia publicada en Europa foi outra.
E unha vez máis volve a sospeita sobre a neutralidade a imparcialidade ideolóxico-política de instancias clave, como os xuíces. Non debían xogar con iso. Non é admisible a menor sospeita sobre a obxectividade dos xuíces. Pero tampouco dos directores de mestrados, das fiscais, dos policías, das funcionarias públicas, da escola e das televisións públicas.
Entre outras cousas porque un estado con institucións parciais, trapalleiras ou corruptas non invita, precisamente, a querer permanecer nel.
Daniel López Muñoz