Anemia practicante
Despois da Semana Santa, recibimos de cregos amigos e activos en Irimia a constatación dunha realidade: a caída na práctica relixiosa tradicional. Celebracións que antes convocaban unha boa cantidade de persoas son agora o mellor termómetro desa caída. E a mocidade está noutras cousas.
Que sexa a crónica dunha agonía anunciada non resta un ápice no sentimento de melancolía de moitos cregos bos e xenerosos que tratan de facer as cousas con sentido e honestidade. O paradoxo é aínda maior polo momento da Igrexa universal, cun papa que nestes cinco anos propiciou un cambio nas formas e os contidos, reordenou as prioridades e contaxia esperanza.
Na Galicia eclesiástica non chega o arrecendo de Francisco. Nin se fai unha autocrítica, nin se propón un cambio. Máis ben é un ir tirando agarrados ao salvavidas Xacobeo, como unha especie de muleta, en castelán, da Axencia de Turismo de Galicia.
Pero os cambios na sociedade son tan radicais e profundos, hai tantos factores e causas enriba da mesa que non vale xa unha reforma a medias.
Os temas clave son semellantes, pero máis agravados, ca os detectados nos anos 70 e 80, cando houbo unha eclosión de comunidades e movementos e unha serie de cregos dispostos a encarnar o Concilio na realidade galega. A resposta foi a represión.
Son os mesmos desafíos, por exemplo, que abordou Pepe Chao, inspirador de Irimia: facían falta novos contidos teolóxicos, pero tamén novos “continentes”, novas formas, unha nova simbólica galega e cristiá. Novas maneiras e estilos litúrxicos. Creatividade e significatividade, intelecto, si, pero corazón, chegar ao sentimento. Tamén novas estruturas, máis comunitarias. Da parroquia, estreita e conservadora, dicía el, hai que transitar á comarca.
Pero hoxe en día o cambio aínda é maior. Foron décadas de integrismo anti-secular, de pederastia encuberta, corrupción, patriarcalismo, aliñamento político conservador. Como reparar tanta ferida?
A relixión ten que servir para dar sentido último aos grandes “ritos de paso” e ao compromiso civil de cada quen, porque “fóra do mundo non hai salvación”. Como celebrar, en que lugar, como, con que linguaxe, con que frecuencia? Desde que Igrexa, con que valores e significados diante do mundo? Os deberes están por facer.
Os cambios na sociedade son tan profundos que non vale xa unha reforma a medias