Editorial: Asociación de ideas


Funcionamos con ideas preconcibidas, con estereotipos. Isto é especialmente relevante na cousa política e, en definitiva, nos comportamentos electorais.

 Se a esquerda, sexa a nova ou a vella, a confluente ou a auténtica, a de aquí ou de acolá, quere gobernar, debe convencer o electorado de que determinadas “etiquetas” que lle apón o PP, os medios de comunicación subvencionados polo PP e os faladoiros máis diversos non son certos.

 Unha parlamentaria de En Marea vese involucrada en horario nocturno nunha escena na que policías municipais dun concello gobernado por En Marea, Santiago de Compostela, alertados pola veciñanza, teñen que identificar un grupo de mozos e evitar que sigan rompendo coches aparcados. A parlamentaria, que disque forma parte da aventura, tira de carné de parlamentaria para interporse entre os identificados e a presunta agresividade dos municipais.

 Os detalles poden variar, non son decisivos. No cadro básico coinciden practicamente todas as versións.

 Con alegrías coma esta, un PP cercado pola corrupción non vai necesitar moito máis apoio para recuperarse. Con inimigos así, cómpren poucos amigos. Excelentes noticias, xa que logo, para os conservadores. Porque a desexada asociación de ideas queda servida en bandexa, “a sospeita” era certa, o “xa volo dicía eu”: “Esta xente son faranduleiros, só saben andar de esmorga, e practican un anticapitalismo gamberro consistente en defender os que rompen os retrovisores dos veciños que non teñen cartos para pagar garaxe”.

Non somos quen para valorar sobre dimisións ou ceses. O que é importante aquí é insistir en que o que necesita o país son alternativas sólidas compostas por xente capaz de asumir responsabilidades na vida, para poder despois asumir responsabilidades na xestión da cousa pública, do común. E que sexan quen de transmitir a confianza de que poden asumir esas responsabilidades. A asociación de ideas que se produce con este feito vai xusto en dirección contraria.

No fondo, é o de sempre. Hai que demostrar que é certo que se quere chegar a gobernar. Hai que demostrar que se ten esa vontade, que se vai en serio, e non que se está aí para instalarse, como forma de vida, nunha estrambótica, cómoda e perpetua oposición.

Con alegrías coma esta, a dereita non vai precisar moito máis para recuperarse.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s