Entrevista: “A xente migrante morre porque hai vontade política para que morra”


Foto 2 (1)A finais de febreiro cumpríronse dous anos do vergoñento acordo da Unión Europea con Turquía en materia de refuxiados. A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas organizou diferentes actos por toda Galicia nos que participaron, entre outros, Ernesto G. Maleno, encargado de comunicación de Caminando Fronteras e portavoz de Jóvenes en Pie Madrid e Alessandro Forina da Red Solidaria de Acogida de Madrid. O que vén a continuación é parte dunha conversa máis longa que mantivemos con eles e que proximamente se publicará en Encrucillada.

Que estades a facer neste momento desde as vosas organizacións?

A: Na Red Solidaria de Acogida de Madrid temos dúas liñas de traballo. Unha é a axuda humanitaria a persoas migrantes e solicitantes de asilo. Acompañámolos a realizar os trámites, a buscar piso… cousas básicas que para calquera persoa poden ser normais, pero que para as estranxeiras son outra fronteira. E a segunda liña de traballo é a denuncia pública da situación das persoas migrantes ben a través de redes sociais, con manifestacións, concentracións… e todo o que poida xurdir para a difusión da súa precaria situación.

E: Caminando Fronteras somos un colectivo que traballa na fronteira sur desde o ano 2001. En Marrocos, porque entendemos que non podemos teorizar e analizar a situación desde lonxe, necesitamos plantarnos alí para tecer unha relación directa coas comunidades migrantes que loitan por mellorar as súas condicións de vida. Por unha banda desenvolvemos estratexias de apoio en relación á sanidade, á educación, á sensibilización. Asistimos sobre todo as vítimas de trata e a infancia. E por outro, realizamos traballos de denuncia da situación da fronteira sur como “espazo de non dereito”: abrimos causas xudiciais, comisións de investigación de verdade, acompañamos os mortos das pateiras, ás familias nos procesos de identificación nos depósitos de cadáveres, contactamos con elas nos países de orixe, etc. Pero o traballo diario é, sobre todo, atender as chamadas de auxilio que recibimos das pateiras que se atopan á deriva e que necesitan ser rescatadas. Chámannos e coordinámonos co fin de que o seu dereito á vida sexa protexido.

Coincidides en que o traballo de denuncia é importante, por que?

Foto 3 (1)A: A denuncia serve, en primeiro lugar, para apremar ás institucións que son as responsables do que está a pasar. Son os dereitos de seres humanos os que se vulneran e é responsabilidade plena das institucións evitar que isto pase. Porque se hai sociedade civil organizada facendo o traballo que lle compete ás institucións, estas poden desentenderse da súa responsabilidade e deixar a asistencia e protección dos Dereitos Humanos nas mans das persoas activistas. E serve tamén para avisar á parte da sociedade que non se quere involucrar no coñecemento destes problemas.

E: A denuncia é esencial porque os males deste mundo, e os males da fronteira, non suceden por graza de Deus senón que hai unha serie de responsables políticos claros. A xente morre porque hai vontade política de que morra. Cando a fronteira se constitúe nun buraco negro da democracia onde non se pode acceder á verdade de ningunha das maneiras, a denuncia serve para deitar luz, para esclarecer mediante comisións de investigación cales son as causas desas mortes. É necesario denunciar as políticas europeas, españolas concretamente, que se executaron mediante devolucións en quente, deportacións, externalización de fronteiras, militarización… que o que provocan, en última instancia, é que a xente morra.

Que vos motiva para entrar neste mundo e traballar nestas loitas?

A: Eu estou a facer unha tese de doutoramento en cuestións de asilo e xénero. Estou moi interesado, desde que estudei antropoloxía, no tema da emigración e o refuxio. Vivo en Lavapiés, e a Rede funcionaba alí, así que fun ver o que estaba a pasar. Pareceume moi importante dar difusión a este tema, en charlas, congresos… O asunto dos dereitos humanos interésame desde sempre. Para min é moi importante poder facer algo aínda que sexa mínimo. Non me conformo só coa queixa, ou con financiar con 10 € mensuais a unha ONG. Iso para min non sería suficiente.

E: E o meu é unha cuestión case xenética… Eu nacín no mar de plástico, en El Ejido. Vivín as redadas racistas que houbo alí, pois convivía no meu barrio cunha poboación marroquí moi grande. Decidimos irnos a Marrocos a raíz do proceso de criminalización que se estaba dando connosco. Lembro xogar cos nenos do meu barrio a colgarme dunha serie de valos. Aos poucos deime conta, mentres aprendía árabe, que ao que xogabamos era a collernos debaixo do camión para pasar a fronteira, cousa da que eu non tiña necesidade, pois era un neno con papeis… Pero todo isto impregna a miña vida, do mesmo xeito ca todas esas perdas que arrastro. Xente coa que compartiches tanto, nenos que foron como irmáns teus, amigos e que da noite para a mañá tocaba chorar porque a pateira se afundira. Agora estou en Madrid estudando Ciencias Políticas. Empecei a militar en diferentes movementos e o que tocaba era servir de ponte entre as compañeiras de Marrocos e eu en Madrid. En Caminando Fronteras levo a parte de comunicación e o meu labor é basicamente contradicir o discurso racista que se expande pola sociedade.

Temos unha historia pendente, que é a de Helena Maleno (nai de Ernesto). Como está a súa situación a día de hoxe?

E: Se xa o tema migratorio ten unha carga emotiva e de traballo moi grande para nós, tivemos que cargar con outra que é a criminalización, as ameazas telefónicas, a filtración da nosa vida privada… desde hai moitos anos. Entón non o sabiamos, pero agora si sabemos que a partir de 2012 tivemos “pinchados” os teléfonos. Ao principio tomabámolo de broma, pero no ano 2014 converteuse en algo serio co intento de asasinato que sufriu a miña nai no barrio de Boukhalef. Daquela as institucións españolas non nos fixeron caso… A cada momento recruaba a represión e a criminalización. Ao ver que nada funcionaba pasaron á vía xudicial.

No Estado español acúsana de facer chamadas a salvamento marítimo. A policía elabora un informe onde ela aparece caricaturizada como a maior traficante do Norte de África. O mesmo informe non recoñece lucro ningún, polo que a Fiscalía da Audiencia Nacional arquiva a causa.

A Policía leva o informe a Marrocos e Helena é citada nos xulgados marroquís onde foi declarar xa varias veces. Atopámonos no medio dun proceso moi longo e moi duro no que, independentemente do que pase, fíxose xa un dano moi grande. Agora estamos no proceso de instrución e o xuíz de Marrocos ten que decidir se arquiva a causa ou se ceden ás presións que poida haber e pasan a unha acusación formal e a un xuízo que lle pode custar dunha multa á cadea perpetua.

O Estado español ten a obriga moral de notificar ao estado marroquí que a causa xa foi arquivada en España, cousa que non quere facer de ningunha maneira a pesar da presión social e institucional. E nese punto nos atopamos.

Que podemos facer desde aquí para axudar?

E: A campaña en contra foi brutal, pois somos unha organización moi pequena, de apenas 10 persoas e realmente houbo máis de 1000 organizacións internacionais que sumaron o seu apoio, máis de 200 personalidades, mobilizacións, manifestos… lembrándolle ao Estado a súa responsabilidade nesta cuestión. Hai 60000 cartas que en cuestión de horas se escribiron aos Ministerios de Interior e Exteriores apremándoos na súa obriga de lembrar a Marrocos o arquivo da causa nos tribunais españois. Eu creo que a nivel social realmente non podemos pedir máis, de feito non contabamos con todo ese apoio.

Pero todo isto serviu para algo máis. Serviu para lanzar un novo debate nas axendas sociais, que é o da situación das defensoras dos Dereitos Humanos en Europa. Como o caso de Helena hai ata 45 en toda Europa que van no mesmo sentido. Pediriamos que nos espazos públicos nos que se faga denuncia se estea pendente de todas estas situacións, do que imos colgando nas redes para ver que necesitamos en cada momento.

Que vos queda de toda esta experiencia, da vosa visita a Galicia?

Foto 1A: A min quédame unha sensación moi boa. A pesar de que en Galicia non hai tantas persoas refuxiadas ás que atender como en Madrid, vexo que hai unha rede informada, que funciona e se organiza bastante ben. Iso dá esperanza, ver como se organizan para concienciar e traballar.

E. Eu voume moi contenta a nivel persoal. Viña disposta a conectar con esa parte, ese ADN migrante que ten o pobo galego. Sodes un pobo con terminoloxía concreta, a morriña, para describir o que se sente ao irse, ao moverse, ao cambiar de país. Onte tocouvos a vós emigrar e hoxe toca apoiar esas persoas e comunidades. Vese que hai xente que ten memoria neste país da desmemoria, que non esquece as súas experiencias pasadas. Iso agradécese moito.

Marisa Vidal Collazo e Xosé María Barca López

(Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s