Actualidade: Manifesto con motivo do 8 de marzo (apoiado pola Asociación Irimia)


A Asociación de Teólogas Españolas, xunto con diversos colectivos e persoas asinantes, con motivo da celebración do día da muller do 8 de marzo, quixémonos sumar ás manifestacións públicas a favor das mulleres. De forma festiva, pero tamén reivindicando a dignidade das fillas de Deus neste mundo desigual onde frecuentemente se vulnera.

1. Necesitamos falar das mulleres e non da “muller”

Deus encarnouse para ser un ser humano concreto, unha persoa histórica particular e irrepetible, Xesús. A súa vida, e non outra, as súas palabras, e non outras, a súa morte e a súa resurrección son as que nos fan presentes de forma máis íntima e próxima a Deus. O Deus de Xesús non se move nas xeneralidades, que homoxeneizan e cousifican aquilo que pretenden describir. É por iso que Xesús sempre se dirixe á persoa que ten diante, chámaa polo seu nome e faina lugar de manifestación da súa graza (Lc. 7, 48-50; 8,43-48).

 

Na mesma liña, falar da “muller”, coma se se tratase dunha categoría xenérica, no canto “das mulleres”, en plural, empequenece aquilo que pretende describir: asume que todas sentimos igual, actuamos igual e vivimos igual. Que unha idea xeral de “muller” vale por todas. Desdebúxase así aquilo que caracteriza a vida, é dicir, a experiencia persoal.

2. Somos fillas e fillos de Deus por un mesmo bautismo. Irmás e irmáns en Cristo en discipulado de iguais

Os relatos da Xénese falan da creación de ser humano como un ser en relación: desde o principio é creado como varón e como muller. Ningún deles posúe ao outro nin é a medida do outro: a medida, a imaxe, é sempre a de Deus. Neste sentido, o ser humano, xa sexa varón ou muller, expresa o seu ser imaxe de Deus cando recoñece e aprecia a existencia dos outros. Home e muller non somos fragmentos, parella de opostos, que expresen xuntos a imaxe de Deus, como dúas pezas dun puzzle que encaixan para reflectir unha imaxe superior, senón que fomos marcados para levar á plenitude a humanidade que nos habita a cada un, sen depender ou complementar uns a outros ou facer diferenzas e discriminacións.

Lamentablemente, o mundo que nos rodea e do que formamos parte, a miúdo exprésase en claves de desigualdade, abuso e poder. A despersonalización (que non é outra cousa que a vulneración da imaxe de Deus no ser humano, sexa home ou muller), a cousificación, a explotación dos corpos das mulleres (xa sexa sexual ou en forma de violencia de xénero) ou as enormes desigualdades que existen entre homes e mulleres (sociais, salariais, familiares e eclesiais), sitúan as mulleres en lugares nos que a súa dignidade se ve reducida, ao obrigala a depender do varón, ou directamente negada, por considerala de segunda categoría.
Contra isto úrxenos recuperar a condición sagrada á que nos introduce o bautismo. Por Cristo todas nosas idiosincrasias e complexidades, tamén ser muller ou varón, pode ser condición de plenitude. Todos participamos nunha mesma dignidade, pero non por sermos iguais, senón por sermos diferentes. A diferenza non nos debe facer dependentes (frecuentemente as mulleres dos homes) senón que contribúe á equidade da mesa do Reino, onde a misericordia de Deus nos dita quen necesita máis e non quen ten máis autoridade (1Co 3,4-6).

3. A participación eclesial de mulleres é xerme de vida nova da Igrexa

Desde o texto de Lc 8, 1-3, onde se nos indica que “Ían con el os doce e algunhas mulleres”, non se pode negar xa que as mulleres seguiron a Xesús desde Galilea a Xerusalén; que formaron parte do grupo que seguía a Xesús: escoitaban a súa mensaxe, aprendían del e seguíano de cerca, o mesmo que os discípulos varóns. Este grupo son seguidoras de Xesús; aparecen de xeito público con el na súa misión de anunciar o Reino e son testemuñas inmediatas da súa tarefa. Xesús sénteas discípulas e relaciónase con elas como tal. Son mulleres de todo tipo e condición e están no mesmo plano e teñen os mesmos dereitos que os varóns no grupo de Xesús.

Ese primeiro grupo de Xesús é o xerme e inicio da nosa Igrexa. Se eliminamos todas as interpretacións non adecuadas ou “manipuladas” que se fixeron deste texto, poñendo voz e visibilizando as primeiras mulleres e a outras na historia da nosa Igrexa, comprenderiamos que, como en tempos de Xesús, a participación eclesial de mulleres hoxe é xerme de vida nova na Igrexa.

4. Sen as mulleres non hai futuro

«Só o Reino é Absoluto, o demais é relativo» (EN, 8). Estas palabras rotundas do papa Pablo VI na Evangelii Nuntandi expresan a centralidade que ocupa o Reino na Igrexa e na vida crente.
Como María, as discípulas e discípulos de Xesús experimentamos que a liberdade recibida, á que se nos chama como bautizadas e bautizados, foi coutada a través da historia. Nos nosos días isto acada unhas condicións máis graves aínda, ao formarmos parte dunha cultura capitalista na que case calquera persoa pode ser descartada e expulsada polo sistema. Así, o deus diñeiro, a explotación, o abuso, a trata e a destrución da nai e irmá terra están escurecendo moitas veces a presenza do Deus vivo. Con todo, a vida da graza maniféstase no empeño de moitas mulleres que continúan buscando as causas estruturais e que se empeñan en revertelas. Como o papa Francisco sinala: «A historia leva as pegadas dos excesos das culturas patriarcais» (AO, 54) e agora debemos todos tomar partido. Necesitamos transitar xuntos as sendas que nos abre a revolución da tenrura.

5. Unidos contra a violencia contra as mulleres nas súas distintas formas simbólicas e físicas, sociais e eclesiais.

Por iso é necesario protexer a vida que dá froito como unha opción do Reino. O corpo das mulleres é obxecto de disputas, de loitas de poder e de dominación onde, a miúdo, proxéctanse as insuficiencias, os complexos ou as rivalidades dos varóns. Os crimes de honor non pertencen ao pasado nin ao mundo empobrecido. En España, os datos sobre a violencia contra as mulleres mostran que un 22% das mulleres sufriron violencia física e/ou sexual nalgún momento da súa vida.

Hoxe en día segue habendo discursos ideolóxicos e relixiosos que non soamente non condenan a violencia contra as mulleres, senón que manteñen a ambigüidade, xustifícana e nalgúns casos sacralizan o menosprezo e a submisión das mulleres, en nome das lecturas nesgadas dos propios textos sagrados ou as tradicións.

A miúdo cuestiónanse as reflexións e os estilos de vida das mulleres que se afastan do ideal estereotipado do eterno feminino da maternidade, obxectivando as mulleres só polos seus ritmos fisiolóxicos e xustificando claves culturais de submisión e pasividade ao varón que non corresponden á liberdade dos fillos e fillas de Deus. Trátase dunha violencia simbólica que menoscaba a autoestima de moitas mulleres, culpabilizándoas e dificultando a súa vida e as súas relacións cos demais.

Se algo ha de ser a familia cristiá é un crisol de empoderamento e liberdade. Exemplo para a humanidade de acompañamento de seres humanos que toman en serio a vida do outro, respectándoo e dándolle espazos de realización persoal. É un reto educar aos nenos e nenas na igualdade e o recoñecemento das diferenzas como unha oportunidade de se sentiren iguais e non uns mellores ca outras.

Todo iso é construír Reino de Deus aquí e agora. Esa é a nosa tarefa como cristiáns e cristiás que buscan mostrar ao Deus da misericordia e a fraternidade.

A marzo de 2018

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s