Dúas caras da Constitución
A Constitución foi aceptada pola gran maioría da xente como un bo resultado para a complexa e difícil transición política desde a ditadura á democracia. Posiblemente foi factor esencial daquel gran consenso o medo de todos a unha confrontación civil que ninguén quería. O personal, con consenso e todo, tiña a mosca detrás da orella e non se deu a transición por rematada ata a chegada dos socialistas ao poder, producíndose así a alternancia que, dicían, garantía o funcionamento democrático. Todo foron loubanzas ao consenso conseguido, á modélica transición española cara á democracia e produciuse unha amplísima aceptación e adhesión, de facto, a un sistema que nos devolvía á normalidade política do noso arredor e nos introducía na UE, ese proxecto de nova patria ética, construída co diálogo e co acordo político, onde poderían convivir as múltiples patrias étnicas da vella Europa. Todas estas perspectivas e os avances no Estado social, aínda que modestos, fixeron que a Constitución gozase durante anos dunha gran aceptación. Hoxe é outra cousa.
Empeza a verse outra cara da Constitución, da que pouco se falou debido, seguramente, á política de sacralización da Carta Magna, que se estimulou desde o poder e desde intereses netamente bipartidistas. E xa se sabe que o sagrado non se pode tocar. Agora son cada día máis as voces que rompen con ese tabú e empezan a descubrir na Constitución o alto e abusivo prezo que houbo que pagar para que as liberdades puidesen instalarse sen violencia política. Sinálase como o resultado dun consenso co que se tivo que tragar a segunda restauración borbónica, que o mesmo Franco diseñara nomeando o entón Príncipe de Asturias como “sucesor a título de rey” e facendo efectivo así aquilo de “deixar todo atado e ben atado”. De feito, o núcleo central do réxime político que nace no 78 vén a ser o mesmo ca o daquela primeira restauración borbónica: Rey, Cortes, Constitución e quenda. Quenda, como o modelo bipartidista aínda resistente. Isto explica mellor ca calquera outra cousa que, a pesar de 40 anos de democracia, non se teña amortizada a guerra civil ou que aínda sigan ignominiosamente enterrados en campos e cunetas miles e miles de vencidos, ao tempo que se lle rende homenaxe público e oficial ao ditador no Valle de los Caídos.
Dúas visións que abondan para facer bo o aserto de que “Constitución que non se reforma está condenada a desaparecer”. Por moi sagrada que se queira facer.
Carlos Vázquez G