Falando da lingua: A cerrar e fechar


Falando da linguaHai quen nos le…, e incluso hai quen nos le atentamente e nos dá un toque cando escribimos un pouco á lixeira, sen ter moita conta dos exemplos que empregamos (sen filtrar!, di agora a rapazada…). Para empezar, pedimos desculpas. Reproducimos literalmente a carta que nos fixo chegar Daniel, porque xa está todo dito. E está no certo, metemos a zoca porque, efectivamente, “pechar” e “fechar” non son sinónimos perfectos, non sempre son intercambiables. O significado de “cerrar” é moito máis amplo, aínda que si é certo que, como ben di o Dicionario da Real Academia Galega, “pechar”, nalgúns lugares, pode adquirir o significado máis amplo de “cerrar”. Así e todo,  en moitos lugares diferencian “pechar” de “cerrar” cando falan de asegurar mediante un mecanismo ou instrumento apropiado, por exemplo unha chave, que son os casos aos que fai referencia este prezado lector.

«Como retruque ao último “Falando”, que moito me gustou, quero matizar que non concordo coa equivalencia e “intercambiabilidade” de cerrar e pechar/fechar.

Aprendino na vendima en Valtuílle, no Bierzo, onde hai trinta e cinco anos falaban un galego oriental ben xeitoso. O dono da casa, despois da xornada, e referíndose ao paseo que nos dispoñiamos a dar, dixo algo así: “Pois a porta quédavos logo cerrada, pero despechada”. Perfecto, xa que pechar, implica preferentemente o uso dun pecho, dun dispositivo que asegure que a porta cerrada non se pode abrir desde fóra. 

Por iso, e con acerto, na Administración “cérrase o exercicio” porque non procede “pechalo”, porque non hai pecho que valla; un discurso cérrase cunha cita; pero poderiamos dicir, metaforicamente, que hai que pechar o galego a tanto castelanismo.

E, falando de metáforas, vén a conto o que contaba Pepe Chao dun crego, penso que da parte de Ferrol, que facía esforzos por falar universal e que no medio dunha barullenta sesión de catequese, coa igrexa chea de rapaces a berrar, apañou o micro e, referíndose aos líderes do balbordo, ordenou: ” A ver, por favor, que alguna catequista le ponga un pecho en la boca a esos chavales, que así no podemos hacer nada!”»

Grazas, Daniel!

Lidia e Valentina

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s