Pingas de orballo


Na memoria de tantas e tantos (2)

Mais aquí en Galiza, non foi menos que en Alemaña ou en Italia. OFoto Pingas de orballos cárceres que aínda nos miran, dóennos e avergóñannos cada vez máis, un día e outro día, volven sobre de nós e podemos percorrer os intres daquela persecución, daquela guerra, daquela pasaxe da barbarie. Aínda por dentro resoan voces, berros, laios estremecidos, silencios afogados nas súas frías e abandonadas paredes. Son paredes que contiveron os prantos da dor, unha dor inmensa e o inxustificado sufrimento que habita aínda nas nosas conciencias. Os seus ecos son testemuño daquela represión, daquel holocausto noso e que por ser noso, non foi menor. Só era preciso unha sospeita, un dedo acusador que involucrase e poñíanos no punto de mira daqueles fusís da sen razón e o medo, do terror.

Suficiente para engaiolar a dignidade das persoas e das súas familias. Homes e mulleres, nas mesmas ringleiras da morte, a morte é a mesma aquí e en Alemaña, o mesmo motor, a mesma ideoloxía subversiva. Todos agardando ser paseados, vilmente asasinadas, agardando ir a ningures tan pretiño da nada! Ringleiras enormes de mulleres rapadas, insultadas, forzadas e obrigadas, quebrantadas e profanadas na propia dor ou na dor dos seus homes, transgredidos tamén nas súa ideas, nas súas ansias de liberdade que son as nosas, ferindo –xa daquelas- na nosa esperanza!

Pasaron polos cárceres de Galiza exércitos de persoas sen crime nin delito, sen culpa nin agravio, defendendo a verdade e os ideais da liberdade. Todos seguen aínda reclamando identificación, dignidade e reposición, memoria agradecida nesa reparación xusta para que non volva suceder algo semellante, que só pode sementar odios e xenreiras, guerras e mortes, vinganzas e terror, para que no canto de cárceres se habiliten escolas, para non caer no esquecemento do que aínda son eses edificios de frías estancias e cuartos, de longos corredores, de ecos que nos chaman a facer memoria, a lembrar os seus nomes e onde están, as “choupanas, caldeiros, presidios, prisións, cadeas, falcoas, penais, gaiolas, rateiras” …mil voces lles deron, nomes e lugares gravados na dor e na memoria, pasadoiros previos dos muros de fusilamento, dos barrancos, da morte, das foxas e sepulturas, do esquecemento covarde.

Lembrar debemos aos que mataron no Campo da Rata levados do cárcere da Coruña, aos que obrigaron a tirarse no mar desde O Cabo do Home, aos da Illa de San Simón, aos tantos e tantas das cunetas, aos de Vilarraso, aos do Acevo co Comandante Moreno, aos de todos os demais foxos que son moitos e de moitos non sabemos,  tamén aos dos campos de concentración, de traballos forzados, de exterminio e castigo.  Juana Capdevielle, Gayoso, María, Carme, Clementina, Josefa Barreiro, Seoane, Mercedes Romero, Francisco Mazariegos, Erundina Álvarez, Manuel Ponte, Emilia Cabaleiro, Díaz Pan, Carme de Miguel, Benigno Andrade, Virxinia Meilán, Díaz Baliño, Carme Sarille, Manuela Graña, Urania Mella, Marta Crespo, O Piloto, Henriqueta Gómez, O Asturiano, Maruxa Mazariegos, Hortensia Mosqueira, …milleiros e milleiros de débedas temos na recámara da nosa frouxa memoria. Severino Rivas, o pai de Darío Rivas, aquel que xa vos contei entre as Pingas dalgún orballo xa pasado, quen –mirade por onde, foi o que iniciou a querela contra os crimes do franquismo en Arxentina. Dóese de nós ao ver que aquí seguimos sen dereito a recoñecernos, e aínda segue a pedir esclarecemento dos feitos que levaron á morte de tantos como aquel, seu pai, que sacaron do cárcere de Lugo, alcalde de Castro de Rei e apareceu, aínda non hai moito, en Cortapezas, preto de Portomarín, cando xa o seu fillo Darío tiña case os noventa anos.

Por riba da ferida, a ferruxe do esquecemento e os impedimentos dos que mandan –que non gobernan- e que entorpecen e non axudan. Non podemos perder, sen máis, aos que encheron de honra a nosa memoria, opoñéndose a aquela insurrección contra o poder elixido, aos que se opuxeron a aquela usurpación do dereito e das ideas. Aínda se terán que encher páxinas de moitos libros, falando dos tantos e tantas que aínda están por exhumar, nomear e coñecer e que, por suposto, quedan para que lles devolvamos a honra!

Baldomero Iglesias Dobarrio, “Mero”.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: