Entrevista: Os sistemas privados de pensións están inspirados no máis puro afán de lucro


Foto 2

 O Movemento Galego pola Defensa do Sistema Público de Pensións (MODEPEN) leva pouco tempo funcionando, pero o seu traballo dificilmente podería ser máis intenso e clarificador. Entrevistamos a dous dos seus representantes, Guillermo Fontán e Gonzalo Balo. Cunha longa vida na loita e no traballo sindical, traballando pola xustiza social sempre desde posicionamentos democráticos, agora, fóra da actividade sindical, continuan a loitar desde este Movemento polo presente e futuro das pensións.

 Que é MODEPEN? Por que xorde?

MODEPEN o Movemento Galego pola Defensa do Sistema Público de Pensións, nace para defender a pervivencia e a boa saúde do sistema público de pensións. Xorde da reflexión dun grupo de antigos militantes sindicalistas. Parte da observación empírica dos datos socioeconómicos do noso país (contratos de miseria, depauperamento salarial ou a acumulación de riqueza en poucas e privilexiadas mans), que nos anuncian un descarnado ataque do poder económico contra os dereitos e razóns históricas dos traballadores/as, dirixido contra o sistema público de pensións. MODEPEN representa un intento por pasar da simple lamentación a acción organizada ou someterse a unha penuria económica de por vida. Cumpríanos actuar. Ao mundo do traballo nunca nos deixaron outro camiño para defender os nosos dereitos que o da mobilización social, e esta require organización para facela eficaz.

Fálase moito da inviabilidade do actual sistema de pensións e da necesidade de asistilo a base de privatizar ou complementar o futuro sistema de pensións. Que postura defende MODEPEN?

O sostemento financeiro dos servizos públicos de calquera estado non depende máis que da capacidade que o conxunto da sociedade teña para xerar a riqueza suficiente. Hoxe, como nunca antes na historia, está garantida a xeración de bens sen facer necesaria a participación do elemento humano en tarefas produtivas. Por outra banda o nivel de riqueza acadado no mundo ou en España é dos máis altos da historia, como nolo amosan os datos, que nos din que o número de millonarios medrou un 40% en España. A riqueza xérase, como vemos nas grandísimas fortunas evadidas a paraísos fiscais, ou das axudas aos bancos e rescate de autoestradas das que nunca máis se soubo. Foto 1

Os sistemas privados de pensións están inspirados no máis puro e duro afán de lucro para multinacionais, aseguradoras e banca, fundamentalmente. Como entidades privadas que son, neles non hai ningunha garantía de futuro que asegure que, ao final da vida laboral se poida contar cunha pensión digna, porque ningún fondo privado é garantía de que na marcha do tempo non poida rematar na máis escandalosa creba. E aí está a proba de Lehman Brothers, onde os subscritores quedaron sen pensión e sen os seus aforros alí investidos ao longo dos anos ao crebaren en 2008.

 Mais nos medios de comunicación insístennos sobre as bondades e beneficios destes sistemas privados de pensións.

Sobre a rendibilidade prometida por tales fondos e os resultados finais hai moi pouca coincidencia. A variabilidade de datos e de estimacións de futuras pensións demostran que os fondos privados, máis que ser unha garantía de pensións dignas resultan unha cuestión de alto risco inversor. As propostas privatizadoras son un xogo máis de caloteiros para desmontar o sistema público.

O gran poder económico busca ensanchar o seu campo de negocio, e iso pasa polo desmantelamento de todo canto supoña servizos públicos, e saben moi ben que, se conseguen desmontar o sistema público de pensións, os da sanidade, ensino e outros caerán por si sós. Cuestión da que é fácil deducir o nivel de precariedade e penuria na que se vería inmerso o mundo do traballo.

A solución financeira do sistema público non é máis que unha cuestión de vontade política, de xustiza social e reparto da riqueza. Cunha renda per cápita de 24.773 euros en España, temos máis que de sobra para garantir a viabilidade económica do sistema público de pensións, só é unha cuestión de xustiza distributiva. A solución non é a privatización, nin dunha parte nin do todo: é a redistribución fiscal xusta, vía impostos progresivos e orzamentos do Estado.

Falades de que a suba dun 0,25% das pensións prevista para este ano, non é máis que a perda de poder adquisitivo por parte dos pensionistas, ao comparala co aumento do IPC. Como hai que interpretar esta medida do goberno?

Ese 0,25% ao que o goberno lle chama suba, resulta un rebaixa efectiva do 2,75% con relación ao 3% que se prevé de incremento para o IPC no 2018. Representa unha medida cínica, aplicada en pequenas doses para non suscitar alarma social, pero a estratexia de fondo non é máis que a de debilitar progresivamente a paga mensual das pensións públicas ata deixalas nunha mera paga asistencial tipo beneficiencia. Trátase dunha medida sinxelamente ruín, case cruel, contra a clase traballadora.

Como inflúe no sistema de pensións o envellecemento e o conseguinte aumento do número de pensionistas?

A Seguridade Social española non ten problemas por falta de recursos económicos. Os seus únicos problemas son os intereses dos grandes poderes económicos e a vontade dos diferentes gobernantes políticos por facela inviable. Como xa dixemos antes, na actualidade a produción de riqueza, que se está a multiplicar, non depende do número de traballadores en activo. España, con esa renda de media de case 25.000 euros, pode soster sobradamente os servizos públicos básicos.

O aumento do número de pensionistas polo envellecemento da poboación, grazas a unha maior lonxevidade, nós considerámola un ben social e de progreso da humanidade. Pretender atribuírlle ao envellecemento da poboación as dificultades de financiamento da Seguridade Social, resulta de un cinismo descarnado e miserable. Afirmamos moi alto e claro que os vellos de hoxe nada lle deben a esta sociedade de consumismo, gasto desmedido e corrupción. Foron os maiores de hoxe quen fixeron o maior esforzo de produción e xeración de riqueza histórica para España, construíndo escolas e universidades, vivendas e hospitais, portos e aeroportos, estradas e autoestradas, incrementaron a produción alimentaria e cultural. A estas xeracións correspóndenos, por razóns de xustiza histórica, proporcionarlle unha vida digna. O problema non está no envellecemento, senón no inxusto reparto da riqueza, que só unha minoría privilexiada trata de acaparala a mans cheas.

 Que se fixo mal na xestión do sistema público de pensións?

A xestión financeira do fondo de reserva das pensións non foi precisamente a mellor, pero o máis determinante foi o progresivo deterioro da masa salarial. As reformas laborais foron encamiñadas a este fin: facilitar despedimentos de traballadores con salarios medianamente decentes e posibilitar novos contratos con salarios que non dan para chegar a fin de mes. Destes novos salarios non se poden esperar achegas económicas solventes ao sistema público de pensións, e menos cando se lles aplican reducións de cotas ou tarifas planas que deben ser financiadas con cargo aos orzamentos xerais do Estado e non como se fai, cargándollas á Seguridade Social.

Cales deberían ser as medidas a tomar polo goberno para reverter a situación, asegurar o sistema público de pensións e manter o seu poder adquisitivo?

Se o goberno quixese facer algo socialmente decente para reverter a situación debería comezar por derrogar a salvaxe reforma laboral que o propio goberno do PP aprobou, e, así, quitar os salarios do nivel de precariedade ao que os levou a mencionada reforma. Sería un primeiro paso na boa dirección. Con todo, o sostemento do poder adquisitivo só pode quedar asegurado incrementando as achegas ao sistema público a partir dos orzamentos xerais do Estado, porque as modificacións do mercado laboral pola incorporación tecnolóxica á actividade produtiva provocará unha baixa ou nula creación de novos postos de traballo, polo que non se pode contar coas achegas económicas procedentes dos postos de traballo propiamente ditos.

MODEPEN de Galicia e a Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións teñen claro que hai un mundo de intereses económicos que se move en torno ao sistema de pensións. Cales son os próximos obxectivos de traballo e que mobilizacións prevé levar a cabo?

O primeiro e principal obxectivo é a implantación e organización en todos os espazos sociolóxicos de Galicia. Isto esixe un traballo sistemático de información e pedagoxía social. Cómpre activar o pensamento crítico da xente, para pasarmos das lamentacións a acción. Aí temos todo o traballo feito durante o 2017, xunto coa Coordinadora Estatal, que nos levou a facer máis de cincuenta actos en forma de relatorios, conferencias, debates e mobilizacións na rúa. Nesas estamos e nesas imos seguir, intensificándoas tanto como nos sexa posible. Sempre mantendo a cabeza, a conciencia e a loita alta con orgullo, reivindicando a pertenza á clase traballadora, que vivimos do noso traballo e mantemos o mundo. Nós si vivimos do noso traballo, eles viven do que nos traballamos.Foto 3

Mais queda todo un camiño por percorrer, para avanzarmos na concienciación, na organización e na loita. A historia nos mostra que os dereitos dos traballadores só serán respectados co compromiso da militancia social e da perseverancia na acción.

Por outra banda estamos convencidos da necesidade imperiosa de promover accións unitarias con todas as organizacións e colectivos sociais certamente interesados en loitar polo mundo do traballo. Esa é a nosa aspiración e responsabilidade, xunto con todos, porque todo problema colectivo esixe solucións colectivas.

Bieito Santos

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: