DOMINGO 11 DE MARZO. IV de CORESMA


10807A PALABRA. Xn 3, 14-21

Naquel tempo dixo Xesús a Nicodemo: «Coma Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus. Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ao mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal, odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras porque están feitas como Deus quere.»

A CLAVE: O que obra a verdade vén cara á luz

Carme Soto

O Evanxeo de Xoán non sempre é fácil de entender, xa pola súa teoloxía elevada, ás veces difícil de seguir, xa porque nos deixa cunha certa sensación de desacougo, aínda que tamén nos marabille pola fondura conque expresa o misterio da fe en Xesús. Esta dobre experiencia, sen dúbida, brota ante a perícopa que hoxe temos que comentar.

Este texto forma parte da resposta que o mestre lle dá a Nicodemo (Xn 3, 1-21) cando este lle pregunta como se pode nacer de novo (Xn 3,9). Xesús invita a Nicodemo a se lembrar da figura de Moisés cando alzou unha serpente de bronce no deserto para sandar a todos os que eran atacados polas víboras (Num 21-4- 9) que, segundo entende o texto, era consecuencia dun castigo de Deus porque o pobo comezara a dubidar dos seus designios.

Xesús vaise identificar co xesto de Moisés, considerando que igual que o gran

antepasado de Israel puido salvar o pobo despois de recoñecer a súa incredulidade (Num 21,7), tamén el será elevado na cruz para salvar o mundo. Pero para que homes e mulleres experimenten esa salvación han de crer nel (Xn 3, 16-17).

A forza e a contundencia coa que fala o mestre a Nicodemo reflicte non so a experiencia de rexeitamento que o propio Xesús experimentou por parte do seu pobo, senón tamén a situación que vivía a comunidade de Xoán perseguida pola súa fe no Mestre. Para este grupo de crentes as palabras de Xesús dábanlle esperanza e axudábaos a seguir sostidos na fe que proclamaban e na luz que iluminaba a súas vidas, fronte a quen os criticaban e actuaban contra eles non sempre de boa fe.

O ECO

Olga Álvarez

Esta semana tiven a sorte de atopar na páxina web dos irmáns José Ignacio e López Vigil (https://radialistas.net/) unha nova serie. Despois de Un tal Xesús e Outro Deus é posible, agora temos Fronte a fronte: Debate entre San Paulo Apóstolo, quen inventou a Cristo e María Magdalena, a que coñeceu a Xesús.

San Paulo, fariseo, non coñeceu a Xesús. Nunca o escoitou falar. E, porén, escribiu cartas e máis cartas predicando a un personaxe divino, Xesús Cristo. Esta situación causa un problema gravísimo porque as igrexas católica e cristiáns están fundamentadas máis na teoloxía fantasiosa e intolerante do apóstolo Paulo que na boa noticia do Evanxeo de Xesús.

A que si coñeceu a Xesús foi María Magdalena, a primeira testemuña da resurrección, desprestixiada por unha tradición machista.

Os programas da serie son debates imaxinarios entre Paulo e María Magdalena.

Imaxinarios pero apoiados en estudios moi serios e en novos descubrimentos da eséxese bíblica. Son 21 capítulos, que podemos ler ou escoitar, e lembren: quen ten preguntas, pensa; quen só ten respostas, obedece.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s