Política


Orixe

Acabo de ler Apegos feroces, de Vivian Gornick, e Ordesa, de Manuel Vilas. Son dous enormes libros que se centran na relación cos pais. Gornick relata varios episodios da súa vida, xa adulta e divorciada, coa mai, mentres que Vilas revive a súa vida, especialmente co pai, desde a soidade que lle deixa a orfandade, o divorcio e o abandono voluntario do seu traballo de profesor funcionario.Política

A ruptura afectiva coincide co retorno á orixe familiar.

Non sei se houbo outra época literaria tan fértil no autorretrato narrativo. Estamos necesitados de saber qué nos trouxo aquí. O selfie fotográfico é un síntoma da actual necesidade, endémica, de cambiar o enfoque cento oitenta graos para vérmonos.

Simultaneamente, desaparece o mundo laboral tal e como o entendiamos: épica e tradicionalmente masculino, vaise reconfigurando para que as mulleres o repoboen, non sen duras resistencias de moitos que, incómodos, asisten ao gran cambio social iniciado no século XX: a ruptura, lenta pero imparable, dos roles masculino e feminino.

O home redescubre o eido doméstico e o afectivo. “Desde que estou só, sei o que é ter unha cociña fodidamente limpa... Se aloumiño a miña cociña, aloumiño a alma da miña mai.”– conta Vilas en Ordesa, identificando unha persoa, a súa mai, co traballo que ela repetira diariamente durante toda a súa vida. Se o traballo cotián que realizamos nos acaba definindo e conformando, a comuñón co ser querido realízase encarnándose nel, enluvando as mans no seu quefacer.

 “Meu pai non me ensinou a querelo… Só vexo os meus fillos e eles non me ven.”– narra Vilas en dous momentos diferentes de Ordesa. O mundo afectivo desconcerta o home, que non sabe imantar o apego familiar coa sabedoría e habilidade coas que o realiza a muller, experta familiar e novata laboral de forma inversamente proporcional ao home, novato familiar e experto laboral. Ou xa non é así para ningún dos dous?

 Durante moito tempo, a familia era algo que estaba aí agardando, cando o home volvía do traballo, unida cun sorprendente engrudo do que se ignoraba a fórmula. “Camiñamos pola Quinta Avenida. É un mal día para min. Síntome gorda e soa, atrapada na miña deplorable vida. Sei que debería estar na casa traballando e que estou aquí facendo de filla dilixente só para evitar o escritorio.” – narra Gornick.

Carece un xénero das habilidades innatas que supostamente caracterizan o outro? Aparte das características biolóxicas, nunca crin nunha diferenciación maior e que adoita traer consecuencias ingratas para ambos xéneros. Traballa peor a muller? Ama os seus fillos peor o pai? Realmente encontro máis semellanzas con moitas mulleres ca con outros tantos homes. E podo asegurar que me encontro incómodo na simple etiqueta “home” que, ao ser unha etiqueta biolóxica, non debería achegar ningún outro dato definidor da miña persoa. Así tento ver aos demais: como o que son, non como o xénero ao que pertencen.

 

Pedro Pedrouzo Devesa

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s