Ler para camiñar


 Imaxe Ler para camiñarZapatillas rotas

Xabier Quiroga escribe así de ben, cunhas mans de oleiro do idioma. Velaquí, nesta novela, nas súas novelas, a mellor política lingüística do país. Na que non cre un poder que le pouco, que non escribe, que non le relatos como Zapatillas rotas.

Velaquí un canto cheo de quentura ás cousiñas pequenas, cotiás, ás que viven a carón de nós. É dicir, as verdadeiramente importantes. Velaquí as aventuras e desventuras dun ancián que escapa dunha residencia, e mais as dun parado: as dúas caras da moeda do país. Tamén dun policía pousón a piques de xubilarse. Unha figura con tanta vida no lombo que acaba por transformarse na pedra necesaria e desencantada de Sísifo.

A novela camiña calzada nunhas zapatillas rotas e cómodas que corren trala abraiante busca do velliño que escapa da residencia para coller o fío da vida que foxe. Unha viaxe chea desa necesaria mestura de sorrisos, tristeza e tenrura. Como acontece que na súa aventura miúda se acompaña dun parado, xa temos aquí o espello no que podemos mirarmos e recoñecermos. O retrato do tempo que estamos a vivir, cos ‘valores’ desta sociedade esvarando cara a ningures polo escorregadoiro dunha crise irreversible.

Tamén se pode ler como unha rebelión contra ese sistema que arrinca os vellos das súas vidiñas, da casa e da contorna, dos olores e da paisaxe, desa familia achegada que é a veciñanza, para ancoralos en residencias onde van estar máis coidados, pero definitivamente máis afastados. Ese territorio pretendidamente humanizado que agacha un gorentoso negocio que vai de medras polo país adiante. Longas vidas de austeridade, traballo e aforros apenas alcanzan para pagar uns poucos anos ao final da vida.

Na súa fuxida, a andaina transita pola burbulla do mediático, esa irreparable febre do sensacionalismo que vende e deforma, polo sentidiño do gardia a piques de xubilarse, polas historias persoais por veces impostas e por veces asumidas e que marcaron con gozos e sombras as nosas vidas e polas fermosas corredoiras do idioma que este Xabier Quiroga domina con mans de ourive.

Por iso cómpre lelo. Como cómpre ler a abondosa fornada de homes e mulleres que están a agasallarnos agora mesmo con obras de altísima calidade.

Tanta tenrura, tanta señardade, tanta retranca, tantas derrotas, tanta vida camiñando a modiño cunhas Zapatillas rotas. Dentro da caixa do Libro de Xabier Quiroga.

Juan Antonio Pinto Antón

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: