Editorial


Á vista da sobre-reacción da xerarquía católica compostelá días atrás, a conta do sonado pregón do Entroido na praza do Obradoiro –nunha intervención pública, polo demais, ben acompasada coa oposición municipal do PP e o xornal compostelán que este partido subvenciona–, diríase que á Igrexa xerárquica galega, iso que os medios entenden por “la Iglesia gallega”, non se lle ocorre mellor maneira de estar no mundo ca acubillarse na trincheira das esencias nacional católicas e disparar contra calquera laicista que asome polo horizonte.

Debe ser a tradución “al gallego” que fan da primavera de Francisco. O papa Bergoglio inaugurouse, e séguese afirmando cada día, con esa emocionante proposta dunha renovación eclesial consistente en “primerear” (tomar a iniciativa e saír aos camiños e ás encrucilladas onde están os excluídos da sociedade e saber convidar); en acompañar a humanidade en todos os procesos, por máis duros que sexan; en frutificar, dar froitos de misericordia e solidariedade e en saber festexar.

Recluírse nun búnker gris de incenso e culpabilización e, desde aí, “reaccionar” contra os ataques dunha humanidade emancipada; non acompañala, senón vixiala; non estar nas encrucilladas, a carón dos excluídos, dando froitos de igualdade, senón amarrarse a unhas esencias, unha linguaxe e unha simboloxía incomprensibles e unha moral merecente de psicanálise… Son toda unha mostra do que non é, aquí e agora, aquela proposta de Francisco.

“La Iglesia gallega” debería desmarcarse de “El Correo Gallego”, debería saír do búnker e da parcialidade política e beber de fonte limpa, comezando polo actual bispo de Roma. Ou por san Ireneo, que dicía aquilo de Gloria Dei, vivens homo (A Gloria de Deus é que a humanidade teña vida). E ter, logo, outras prioridades. E escoller ben os motivos de escándalo. Pobre doutrina, a que non sabe rir de si mesma!

É incomprensible nestes tempos gastar un chisco de enerxía e de imaxe pública en convocar actos de desagravios, coma se Deus fose un monstro ao que botar vítimas expiatorias. Blasfemias son a corrupción, o roubo de cartos públicos que empobrecen a sanidade, a escola, as pensións… Blasfemias son as pateras no Mediterráneo e a carreira de armamentos, e a violencia de xénero, e a homofobia, e a precariedade laboral. Pero no búnker hai demasiado incenso e non se ven estas cousas.

 Habería que ter outras prioridades e escoller ben os motivos de escándalo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s