trasno


 

Política amablingüística

Xa hai ben tempo que contei aquí o daquel crego das Mariñas que sen moito convencemento empezara a misar unha vez ao mes en galego, só a de doce, e sempre que non fose unha festa digna de mellor tratamento. Un de cada catro domingos. Non lle daba tempo á xente de aprender as respostas, vaia. O home pedía desculpas antes de comezar cada domingo, como se fose un pecado ou, quizais, máis ben, algo de mala educación. E o de mala educación vai en serio, que en terras de Ourense sabiamos doutro crego que afirmaba contundente que en galego non se podía misar porque tiña demasiadas “palabrotas”. En realidade o que estaba desexando o crego mariñán, como tanta outra boa xente, era ser ben educado, cousa que o honra: isto é, que algún dos asistentes lle pedise, con antelación, que era de fóra e que por favor se podía facelo en castelán. Como negarse? Desa maneira, entre a boa educación, as festas especiais, as ganas máis ben raras e a motivación desbordada… a cousa quedaba nunha misa en galego cada oito, ou cada trinta e seis, previa petición de desculpas, iso sempre. Até que a misa en galego morreu de boa educación.

As relacións de Feijoo co galego tamén se basearon sempre nesa mesma boa educación, que tamén agora chaman amabilidade e que consiste en que a lingua das palabrotas non se use nin diante de xente de fóra, nin de xente nova, nin de xente merecente de respecto. O noso home, sabémolo todos e todas, non fala galego na intimidade, como outros comenencias dicían que facían co catalán. Ademais, se hai que falalo, veña, “se fala” (sic), pero falalo por falalo… para que? Para que, se xa o fai no Parlamento, día si, día tamén, átono diante, tónico detrás.

Esoutro día vímolo pola tele nun acto que tiña o seu aquel. Descendentes dos nosos emigrantes remataran diversos mestrados en Galicia e o presi entregoulles os diplomas, e animounos a facer a viaxe do revés, isto é, regresar a Galicia -agora que os nosos fillos e fillas marcharon polo mundo e que somos un país de vellos. A cuestión é que a súa invitación foi amable, foi a “hacer el viaje al revés”.

Que o máximo representante da galeguidade institucional se dirixa aos fillos e fillas da emigración para que retornen e o faga sen facer presente o idioma propio de Galicia é o exemplo perfecto da política amablingüística. Sempre haberá motivos para deixar de usalo, “por educación”.

 Se é na Coruña, inaugurando un centro comercial, por favor, estamos en La Coru; se é con escolinos… a ver, non entenden; se é con empresarios vigueses do naval… veña déixate de parvadas que isto é serio; se é con fillos da emigración… es que te son de Inglaterra.

 Se o galego morre de amabilidade estalle ben, que carallo, por ter tantas palabrotas e ser de tan difícil comprensión.

Daniel López Muñoz

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s