Xente d´eiquí: entrevista a Luis de Arqueixal


Luis Carreira Valín, o impulsor de Arqueixal: “A clave é crer nisto, achegármonos á esencia”LUIS ARQUEIXAL 4

Con motivo da recente Festa do Lume, que tivo lugar o pasado 3 de febreiro en Arqueixal, entrevistamos a Luís Carreira Valín, dono deste conxunto no que a tradición, a ecoloxía e o agroturismo van da man. Cando Luís fai un percorrido polos 30 anos de Arqueixal, non pode evitar repetir a palabra esencia, incluso nos proxectos que foron xurdindo despois dos inicios. Luís descríbese como unha persoa “rebelde”; un mariñeiro de terra que tivo que navegar durante anos a contracorrente para cumprir un soño e levalo a bo porto. Polo medio quedan momentos de dúbida, pero, sobre todo, moitos momentos de satisfacción.

Como comeza esta historia?

Pois aló polo ano 89 había iso de que aquí estaba todo por facer e todo o mundo marchaba como escapándolle a algo ao que non se lle ve nada…, ou quizais por tirar por camiños que todo o mundo colle. Entón Luís decide quedar e aí nace o proxecto Arqueixal.

E que é Arqueixal?

Arqueixal é, como ben di: “a ARte dos QUEIxos de ALbá”. Nace dunha granxa para transformar un queixo que xa se estaba a facer, non era nada novo, senón que é manter unha tradición para que non se perda: transformar o leite en queixo e comercializado; vender un produto, unha materia prima con valor engadido.

Cales son os obstáculos que atopa Luís hai 30 anos para arrincar Arqueixal?

LUIS ARQUEIXAL 2Atópome cun camiño que vai cara a outro lado. Era a tendencia nese momento: producións intensivas, producións especializadas… O produto tradicional non é un valor, senón todo o contrario, era algo que ía camiño de desaparecer. Iso é co que me atopo, unha tendencia coa que ti non vas. Queres facer algo diferente, recuperando algo tradicional para darlle valor e poñelo no mercado. Durante moitos anos foi así, como se ti quixeses mirar para atrás e non quixeses adaptarte.

Houbo que dar un paso para atrás…

…Para ir para adiante. Pero ese paso atrás non importa, sempre e cando colles o relevo desa tradición para revalorizalo hoxe. Nese momento o problema é a xente que hai arredor de ti porque pensa doutro xeito, polas tendencias que hai. Cuestiónaste moitas veces se o que estás facendo é o acertado porque todo vai noutra dirección. Remas contra corrente, e, en momentos como aqueles, onde non tes experiencia… danche moitos vaivéns e inseguridades. É normal.

Hai algún momento de dúbida no que periga seguir adiante…

Si. Houbo un momento de inflexión. De feito, tiven un ano de baixón; agora penso que foi causada por esa aceptación de facer unha cousa que non sabía se estaría ben. Ese momento foi así, pero, ao mesmo tempo, por como son, pensaba que ainda que todos camiñaban para outro lado, podían estar equivocados. A miña forma de ser “rebelde” tamén me daba certa seguridade comigo mesmo e cada pouco tiñas uns “momentos de gloria”, por chamarlle así: nada máis comezar, tiven un recoñecemento como mellor queixo de Galiza. Entón dicíame para min: pois debo de estar no camiño acertado. Eses pequenos recoñecementos afiánzante a pesar das adversidades.

E chega unha segunda fase de Arqueixal co agroturismo…

Cando estaba co tema da granxa, e xa o produto final convertido en ecolóxico, estaba xa nunha liña. Pero faltábame algo, e, visto agora, evidentemente, faltábame moito: un espazo onde compartir. A granxa é un medio de produción sostible no que te sentes ben facendo cousas, pero non deixa de ser un medio de produción, e a queixería, máis ou menos, o mesmo, a pesar de ter un produto tradicional recoñecido no mercado e un valor sentimental. Conservar isto obviamente era importante pero aí hai menos que compartir. Cando ves a posibilidade de compartir un espazo onde a xente poida vir e coñecer outra forma de vida e algo que atopar… podía darlle vida á aldea. E aquí comeza un dos proxectos máis importantes para min. Rehabilitamos diferentes casas da aldea seguindo principios ecolóxicos e técnicos de bioconstrucción, na liña dunha arquitectura responsable e consciente, que respecta tamén as tipoloxías das casas rurais galegas. Pedra, madeira, vidro, arxila e cal son os materiais nobres predominantes nas estancias, así como pinturas ecolóxicas e illantes de cortiza e fibras vexetais. Tamén eliminamos campos electromagnéticos e empregamos téxtiles naturais que coidan o espazo vital. As enerxías alternativas tamén están presentes.

Após disto, hai un perfil de xente que pasa hoxe por Arqueixal…

LUÍS ARQUEIXAL 3Si. Hai un perfil e cada vez vese máis, aínda que poida caer xente de todo tipo. Quizais porque Arqueixal é máis ca unha granxa, ca unha queixería, ca un turismo… É un conxunto, unha forma de vida que fai que haxa xente que estea buscando e que, por unhas circunstancias ou por outras, veña aquí. Sobre todo por cousas como o respecto polo medio ambiente, a volta á esencia da vida, a tradición… Arqueixal ademais pretende que esa xente busque algo de verdade, como así dicía algún que pasou por aquí. Ese é o perfil.

Hai 30 anos quizais máis xente tivo ideas semellantes e non foi quen de sacala adiante. Cal é a clave de que isto tivese e teña futuro…?

Unha das claves primeiramente é crer, e eu creo nisto e considero que se achega á esencia. Estamos nun momento bo, e digo bo porque noutro contexto quizais Arqueixal non tería tanto éxito, se non fose pola necesidade da xente de conectarse coa esencia. Aquí semella que estamos nese camiño. Visto ao revés, canto máis esteas nese camiño, máis éxito acadas desde o punto de vista do que está a acontecer no resto. O feito de estar nun sitio que pola falta de desenvolvemento non está moi contaminado en todos os sentidos, fai que se persiga máis esa pureza. E así creo que a xente o percibe, como unha busca. Transmítese algo máis que a beleza e o espazo alternativo.

E mirando ao futuro, hai algún proxecto novo en mente…?

Arqueixal agora mesmo é un proxecto vivo e, como calquera proxecto vivo e dinámico, non para. Quero dicir que algo estará facéndose.

Algo hai entón…

Creo que irá.

Ten necesidade de reinventarse…

Hai que ter coidado e ter tino. Eu tamén son algo escéptico con isto de “reinventarse”. E dígoo porque estamos nun momento no que a sociedade en xeral ten unha necesidade de cambios continuos e creo que non dá tempo de saborear o que se ten. Ao mellor por iso penso que facer cousas si, pero mantendo a esencia. Compartir un espazo onde a xente poida coñecer outra forma de vida é algo que pode darlle vida á aldea

Secho de la Torre

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s