Crónica: Asemblea de Irimia e Festa do Lume 2018


Compartindo experiencia e proxectos de vida

Foto 1 (1)

En Santiago de Albá, concello de Palas de Rei, nas casas e cortes de “Arqueixal”, a luz nova do día esforzábase por facerse un lugar entre brétema e barruzo. Parecía aventarse unha asemblea de Irimia cativa de asistentes. O marco era inmellorable, mais o tempo tentaba por deslucilo. Non foi así. Cunha miguiña de retraso, alentado polas múltiples pistas e despistes, alá se foron achegando as 50 persoas asistentes, entre asociadas e invitadas. Apertas de reencontro, café de mañanciña, acollida e… ao gran.

Rendendo contas

Nunha sala quente e acolledora, que “Arqueixal” ten acondicionada para os encontros e actividades de grupo, celebrouse a asemblea. Benvida e apertura por parte da presidenta, Lucía Santiago Díaz, e lectura da orde do día e acta da anterior asemblea por parte do secretario, Anuncio Moroño. Logo, Pepe Barca, o tesoureiro, presentou un detallado informe económico do ano 2017.

Asociación Irimia

Revista Irimia

Romaxe de Crentes

Ingresos

Gastos

Ingresos

Gastos

Ingresos

Gastos

2481,00

1983,30

19715,90

18871,40

8276,43

10123,62

Saldo asociación 497,70

Saldo Revista Irimia 844,50

Saldo Romaxe -1847,19

SALDO GLOBAL ANO 2017 -504,99

Debateuse sobre a necesidade de corrixir o excesivo déficit que orixinan a produción dos medallóns da Romaxe (6 000 €). Dado seu o carácter altamente simbólico (identifican lugar e lema) a xunta directiva está na pescuda doutros obradoiros de cerámica galega que poidan producilos cun custo máis reducido e incluso cunha calidade mellorada respecto dos elaborados para as últimas romaxes. Informouse, ademais, sobre os pasos dados na preparación da Romaxe 2018, que se celebrará no mosterio de Sobrado dos Monxes e que está a ser coordinada por Xabi Blanco.

Foto 2

Tamén é salientable o feito da independencia financeira, xa que dos 29 935 € de ingresos soamente 2 500 € corresponden a subvencións, un 8.35 %, subvención da Deputación Provincial da Coruña á revista Irimia. O resto dos ingresos, colaboracións, xuntas, desprazamentos, chamadas, xestións… a cargo dos soños irimegos.

Falando cara ao futuro

Por un ano máis renovouse o mandato da actual xunta directiva e a continuación abordouse o asunto que máis debate xerou, o da continuidade da revista, que conta a día de hoxe con 460 subscritores e unha tirada quincenal de 525 exemplares. No remate do 2018 a revista acadará o número 1 000, un número simbólico para tomar decisións e que era a referencia de compromiso do actual equipo de redacción, tras moitos anos de dedicación. Manifestáronse opinións favorables a manter o formato do papel, xa polas características da maioría dos subscritores, xa pola sospeita de que o abandono dun soporte tanxible supoña a perda de visibilidade. Por outra banda, outras opinións defenderon a necesidade de asumir a edición dixital (internet) como un feito irreversible dos novos modos de comunicación e incluso como unha modalidade que facilitaría a incorporación de novos lectores, redactores e facilitaría a continuidade dos actuais. Sen chegar a conclusións definitivas, proponse que para o vindeiro mes teña lugar unha xunta extraordinaria entre a actual mesa de redacción, colaboradores e a directiva da asociación para ver de estudar a solución que resulte máis axeitada e acaída aos recursos materiais e humanos dos que dispoñemos.

Compartindo vidas, xantar e celebración

Concluída a asemblea, déuselle paso ás intervencións de Ana Corredoira Vázquez, rapaza nova, bióloga, filla de gandeiros e que tomou na súa man a dirección da explotación gandeira da casa na parroquia de Augasantas (Palas de Rei) e de Xosé Luis, creador e alma do proxecto “Arqueixal” e do evento “Son d´aldea”. Escoitamos de ambos os dous un emocionado relato a prol da produción ecolóxica, do respecto á contorna, da harmonía coa natureza, da recuperación da paisaxe, do rescate dunha parte da tradición que serve para proxectar futuros diferentes aos que nos ditan e da sustentabilidade certa de todos estes supostos, dos que xa teñen demostrado a viabilidade, moitas das veces contra da opinión contraria das políticas agrogandeiras defendidas pola Administración.

E logo veu o xantar. Coma sempre, compartido. Aquí empanada, aló queixo, acolá chourizo, proba desta tortilla, que bo está este pan, quen fixo este leite fritido, bótame un chisquiño de viño, onde está o café…

E antes de marchar… celebrar. Da voz de Alfonso, da guitarra de Marta e do acordeón de Lucía. Tamén do baile miudiño de Sarela. Celebrar termos estado xuntos desorballando soños. Todos en rolda e no medio unha masa para facer pan. E nós todos ao redor, querendo sermos un humilde e gozoso lévedo que faga medrar a masa, para que nazan bolos, para que cheguen a todos, para que enchan ánimos e estómagos, para que agrome un futuro de fartura compartida, desde a nosa fe, desde a nosa galeguidade, desde a memoria, desde Xesús de Nazaret, o fillo do carpinteiro, compoñedor de soños.

Agradecementos para Xosé Luis Carreira Valín, Selena a Siciliana e Ana Corredoira Vázquez, que nos acolleron e nos aprenderon. Con eles compartimos algunha que outra parte da nosa fe e moitas das esperanzas.

Xosé Lois Vilar

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s