O trasno


A maleta de Bani

E chegou o día no que finalmente marchou Bani de volta a África. Dous anos e dous mesiños, mans nos petos, retranqueiro, co seu galego riquiño, despois de 261 días na nosa familia. Si, sabía a teoría, “coller o avión”, “volver con papá e mamá”, adeus Ana, adeus Pepe…pero a realidade, claro, foi menos racional.

A maleta era ben máis grande ca el. Foi o agasallo de despedida de Paula: nada menos que a maleta da selección de rugby no campionato do mundo de Francia 2014. A Bani encantoulle.

Colleu ben roupa e zapatiños, para el e os seus irmáns. Nada de botas, case todo sandalias, que aló dos vinte cinco graos non baixan. Tamén ía, por pura casualidade, unha camiseta de Messi que alguén nos pasou. Con iso vai rachar. E galletas mariñeiras. E un álbum de fotos, para que non esqueza que foi parte de nós. Tanta xente interesándose e pasándonos de todo, roupa, carriños, a cadeira para o coche, a camiseta de Messi, consellos, cremas e apósitos. Abraiados. O pequeno Bani desatou unha vaga de bondade.

Con el ían moitas máis cousas, desas que non collen na maleta, que só collen no corazón, na alma e nas tripas. A cousa médica foi, precisamente, de corazón e tripas. Chegou moi doentiño, e marchou feito un homiño, na súa pel preciosa –e hidratada con aceite de coco-, co corazón retocado, as tripas recompostas e cagando de marabilla. Que importante é cagar ben. Hai persoal médico en Galicia que merece un beixiño do ceo. Si, no SERGAS, na pública.

Ana curoulle a ferida do corpo e a ferida da alma. Dicía o psiquiatra Bowlby que un neno que se asegura unha figura de apego –ben a nai, ou unha coidadora principal-, accesible e sensible ás súas demandas, recobra a seguridade e fortalécese para relacionarse e abrirse seguro ao mundo. Substituír unha nai nun caso traumático de deprivación parental, de separación, é resucitar unha vida. E sobre todo facelo con tanta gratuidade e intensidade.

Todo é cuestionable. Por que este, cando haberá tantos? Pero “este” tiña rostro e un sorriso incomparable. “Este” non agardaba por un planeta arranxado e equitativo. “Este” era un ser concreto e non un discurso teórico. Catro quirófanos en dous anos de vida, afastamento dos pais, cambios de residencia e coidadores, toneladas de bágoas. Si, houbo moitos chorares, estancia dilatada, atrasos, certa desorganización, pero hai veces nas que un mal menor é un ben inmensamente maior. Hoxe xa está cos seus, curado e benquerido.

Daniel López Muñoz

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s