As letras galegas na Encrucillada.
A revista Encrucillada vén de celebrar o seu 40 aniversario e faino editando unha monografía en dous tomos As Letras Galegas na Encrucillada, que recolle os 78 estudos literarios que ata o día de hoxe leva publicado sobre diferentes autores e autoras das nosas letras. A obra preséntase en dous tomos.
O primeiro volume, As nosas Letras, recolle as 51 homenaxes escritas feitas desde 1978 a 2017 aos autores e autoras aos que a Academia foi dedicando o Día das Letras Galegas, desde Antonio López Ferreiro a Carlos Casares.
O segundo volume: Outros estudos, recolle 27 traballos que resaltan a espiritualidade na obra de autores que xa tiñan sido homenaxeados no Día das Letras antes do nacemento da revista Encrucillada (Rosalía de Castro, Castelao, Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas e Celso Emilio Ferreiro) e a de outros nas que a revista se tiña fixado por ter unha obra canto menos salientable (Antonio Rey Soto, Alfredo Conde, Faustino Rey Romero, Antón Tovar, Crecente Vega, Rodríguez Pampín, Antón Vidal Martínez e Xosé Chao Rego). Pecha a obra un estudo de Xesús Portas Ferro, no que fai unha acertada análise da perda de identidade cultural e literaria en Galicia no devalo da Idade Media.
Agradecemos o traballo calado da xente que, nestes 40 anos, preparou e coidou con esmero a edición e publicación, cada dous meses, da revista Encrucillada. Nomeadamente a Andrés Torres Queiruga, Engracia Vidal Estévez e ás persoas que formaron parte das diferentes mesas de redacción. Grazas tamén aos nosos ilustradores, Siro Lorenzo e Sole Pite.
O seu traballo xeneroso fai posible que hoxe podamos ter esta obra nas mans.