ACTUALIDADE


40 anos da revista Encrucillada

 Imaxe 2 (1)

 

En febreiro de 1977 saía á rúa a primeira Encrucillada. 40 anos despois, o 19 de xaneiro de 2018, celebramos esta efeméride presentando na Real Academia Galega a última Monografía: As Letras Galegas na Encrucillada.

Con tal motivo, Andrés Torres Queiruga, Engracia Vidal Estévez, Pedro F. Castelao e Marisa Vidal Collazo reflexionan sobre o significado deste aniversario e nos presentan os contidos da Monografía.

 

Andrés Torres Queiruga

Estou emocionado por estes 40 anos de presenza tenaz e modesta. Encrucillada naceu nunha encrucillada importante. Estaba o impacto do Concilio Vaticano II, que foi unha explosión de esperanza, de creatividade relixiosa e de ilusión de futuro. Estaba a revolución do 68, que revolveu o planeta e fixo soñar utopías. Estaba finalmente o espertar da nova conciencia de Galicia, que volvía a súa propia conciencia após un longo estrañamento histórico.

A nosa revista naceu para responder a estes retos con clara vontade de atopar unha síntese na dobre identidade de ser galega e de ser cristiá, tentando conciliar estas dúas querenzas fortes: cremos nun cristianismo que se encarna na súa terra, na súa cultura, no seu idioma e que responde aos retos da actualidade que daquela marcaba o momento do concilio co seu entusiasmo.

A relación entre cultura galega e pensamento e vivencia cristiá, era entón moito máis viva que agora. Daquela había máis entusiasmo, máis movemento, máis ilusión, máis esperanza. Hoxe todo está máis murcho e aparece esvaecido. Mesmo creo que cabe falar dun claro e triste apagón.

Con todo, estamos nun momento de crear a comunicación, a interface entre fe e galeguidade, entre a Igrexa e o noso mundo cultural. É evidente que en Galicia hai un déficit neste campo: non existe diálogo. Os que pensamos e traballamos no campo da fe non atopamos eco no mundo da cultura, e os que traballan na cultura non encontran resposta na igrexa para que se deixe transformar.

Encrucillada asume o seu papel e quere ser o lévedo evanxélico que vai creando unha nova relación, abrindo esperanza e propiciando un novo achegamento que nos enriqueza a todos. Sairía gañando Galicia e gañaría a igrexa grazas ao impacto cultural e á inquietude social.

Os esforzos que se fan desde a cultura están a ser enormes. É necesario que a igrexa se enriqueza tamén con eles, que esperte e se encarne na súa misión. Non hai dereito a que desde a xerarquía estea tan apagado o interese por Galicia, mesmo desobedecendo ao Concilio Galego, un concilio que a igrexa galega se deu a si mesma e que está completamente desatendido no goberno eclesial.

Non quero acabar con pesimismo, senón cunha chamada a esperanza. Celebrar 40 anos dunha empresa sen apoio oficial, feita gratuitamente, representa un sinal de que paga a pena traballar. Ergue entre nós unha bandeira de esperanza.

 Engracia Vidal Estévez

Pedídesme unha pequena reflexión sobre os 40 anos de Encrucillada e do que supuxo para min a celebración do día 19 de xaneiro na Real Academia Galega… e iso necesariamente lévame ao vivido desde 1970. Falar de case cincuenta anos de historia non resulta doado en pouco espazo.

1970 foi o ano no que volvín á Galicia que deixara vinte anos antes… e podo dicir que era “outra muller”, con vinte anos máis no lombo e co forte impacto dun Concilio Vaticano II que removera os alicerces de persoas e institucións. Daquela, descubrín, grazas ao ambiente no que se desenvolveu a miña vida, o que significaba Galicia, a súa cultura, a súa lingua… e fun facendo síntese entre oración e acción, entre cultura e fe, entre coñecementos e compromiso.

No 1974 invitoume a Congregación a facer un curso en París, sobre A fe e o desenvolvemento dos pobos, orientado a persoas que querían traballar no Terceiro Mundo. Alá marchei e tentei aproveitar aquela experiencia tan rica. Alí estivo Galicia en todos os traballos de grupo no que aparecían zonas de África, de América do Sur, de Asia… E cando xa pensaba ir a algún país afastado, chégame a información dun proxecto de “revista galega” e a petición de que me responsabilizara dela… Esta petición concretouse en Barcelona, onde me entrevistei con María Pilar Wirtz que me achegou máis datos. Despois de informar a miña Congregación e cos permisos logrados fun buscar traballo en Ferrol, cidade elixida por ser, naquel intre, unha diocese que dependía dun bispo “galego” como era don Miguel Araúxo. Recibiume moi ben e deume traballo como profesora na “Filial” de Canido que dependía do bispado (neses anos para atopar traballo había que acollerse á Igrexa antes ca o Estado, algo que será de difícil comprensión para moita xente de hoxe).

Alá fun no mes de agosto a buscar casa, e tiven o apoio de don Miguel, de Martinho, de Pepe Couce, de Ramón D. Raña, de Anxo, de Afonso, de Segundo, de Anxeles Díez, de Maiu, de Minucha… Despois dun mes vivindo na Domus, atopei a casiña da rúa da Insua do Laus Deo dos dous tomos da Monografía “As Letras Galegas na Encrucillada”, editado agora con motivo dos corenta anos.

O permiso gobernamental para editar a revista non chegaba e houbo que esperar a febreiro de 1977 para sacar o número 1. Logo xa saíu con normalidade e puntualidade, pode dicirse que sen grandes problemas, aínda que sempre houbo que estar alerta para non provocar reaccións que resultaran negativas. O cambio da sede a Pontevedra, veu por necesidades familiares miñas, e aquí estivemos desde 1981 ata que hai 10 anos veu para Santiago, onde outras persoas seguen sostendo a chama da Asociación, da Revista, das Monografías, dos Foros, do que saia… Eu sigo achegando o meu gran de area no que podo e agradecendo todo o que se fai e se fará.

Moitos anos máis para ENCRUCILLADA!!!

 Pedro F. Castelao.

A modernidade é un fenómeno extraordinariamente complexo. En occidente irrompeu como un tsunami e causou unha preamar de horizontalidade moi fecunda para o florecemento das ciencias empíricas e a tecnoloxía, pero asolagou unha realidade capital: a dimensión transcendente e metafísica. «Dimensión perdida», chamoulle Paul Tillich á dimensión relixiosa da existencia. Con luz tenue, sen estridencias, pero constante no seu acompasado aparecer, Encrucillada leva corenta anos mergullándose coma un mergullador cunha fráxil baliza nunha superficie inzada de múltiples e equívocos reclamos empeñados en dicir que nada hai no fondo do mar. Aquí estamos indicando tan só que no cerne da nosa cultura hai un importante penedo co que tarde ou cedo todos nos debemos confrontar, pois todos estamos necesariamente obrigados a facernos cargo, en serio, da nosa existencia. Soñamos nós cando cremos no eterno amor omnipotente de Deus coma fundamento de todo ou somos os que tal cousa cremos os únicos espertos rodeados de somnámbulos que ignoran, porén, que dormen?

Non son estes corenta anos de singradura un peirao de chegada, senón un novo porto de partida. Temos por diante un longo e duro traballo na fronteira da relixión cristiá e a cultura galega. Traballando por trazar pontes, establecer espazos de confluencia en galego, desde Galicia. Convertendo en pensamento os cruceiros dos nosos camiños nos que, cos pés ben ancorados na terra, o camiñante é invitado tamén a mirar ao ceo.

 Marisa Vidal Collazo

Como parte do equipo editor da Monografía “As Letras Galegas na Encrucillada” presentada na RAG quero contar desta obra que recolle en 78 traballos a achega de Encrucillada ás nosas Letras nestes 40 anos. 51 destes artigos son a homenaxe anual da revista aos 40 autores e autoras celebrados cada 17 de maio, de 1978 a 2017 e cos que compuxemos o tomo I titulado “As Nosas Letras”. O tomo II, “Outros autores”, en 27 estudos achégase a autores ben coñecidos do panorama literario galego xunto a outros que non o son tanto, pero que no seu día quixemos poñer en valor. Pecha a obra un artigo de Xesús Portas Ferro que analiza a perda de identidade cultural e literaria en Galicia no devalo da Idade Media. Amais de aos meus compañeiros no equipo editor, quero agradecer de xeito especial o traballo de Siro López e Sole Pite, os nosos ilustradores de cabeceira, que coa súa xenerosidade converteron o libro nunha realidade agradable á vista.

Con todo, a medida que ía revisando o contido dos artigos foime xurdindo un malestar: onde están as mulleres das Letras en Encrucillada? Só hai tres mulleres sobre as que se escriben artigos: Francisca Herrera Garrido, María Mariño e Rosalía de Castro e só hai sete autoras (Camino Noya, Helena Villar Janeiro, Engracia Vidal Estévez, Pilar Pena Búa, Teresa Monteagudo, Teresa Pérez Vázquez e Marica Campo) fronte a trinta e oito varóns.

A época de maior publicación de estudos literarios en Encrucillada son os anos 80, e está claro que o que hoxe sabemos e pensamos sobre o traballo literario das mulleres é ben diferente ao de entón. Este dato achega perspectiva histórica á esta ausencia, pero non pode ser a perspectiva para o futuro.

Encrucillada hoxe está apostando por visibilizar as mulleres na teoloxía e na cultura. Coidar a presenza e a voz das mulleres é, ten que ser, o noso compromiso, e gustaríame que fose tamén o reto de cada un, cada unha de nós. A Humanidade e Galicia están precisando, máis que nunca, o recoñecemento e o facer das boas e xenerosas.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Actualidade coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s