O Trasno


Orfandade nacional

Os autores da historia e da cultura oficiais apuxéronlle a Galicia, aos galeguiños e ás galeguiñas, unha etiqueta de sitio lírico, de xente doce, sentimental e con acento pavero. Non é que haxa que renegar da nosa herdanza lírica, nin do acento, madía leva, pero a historia de Galicia ten máis épica ca a de moitas outras comunidades nacionais. Non é a épica do conquistador, abofé. Pero é unha épica comunitaria e traballadora; é, por poñer tres exemplos, a épica irmandiña, a da pesca de altura e a da emigración americana, esa que se inicia nas nosas aldeas, familia a familia, drama a drama, para pasar de servos a propietarios da terra.

Un centro galego como o de Bos Aires é moito para a historia dun país. É un capítulo desa historia épica, pero tamén do exilio republicano, da edición en galego, da solidariedade organizada. É un patrimonio inmobiliario, foi un gran hospital, pero é, aínda máis, un patrimonio inmaterial incalculable, é unha colección de arte, é o cuarto onde morreu Castelao (a foto é dese día). Foi tan exemplar que ten algo de sagrado. Polas pequenas historias de dor, de emoción, de festa, de apoio mutuo en terra estraña para 120 000 socios; de sandar feridas do corpo e da alma, de descubrir xuntos e xuntas, mar por medio, que aquelas aldeas ciscadas de orixe formaban un sitio distinto, chamado Galicia, co que tecer saudades e soños de futuro. Un sitio de onde “ser”.

Queres buscar equivalentes no mundo e non dás. O New York Irish Center tamén nace da propia comunidade, pero foi unha cousa recente, da segunda metade do século pasado, apoio social para os irlandeses en Nova Iorque, algo menor. Na emigración italiá tampouco coñezo nada semellante: o neoiorquino Instituto Italiano di Cultura non deixa de ser algo como o Instituto Cervantes. O centro Português de Cultura e Beneficência do Cabo (Cape Town, Suráfrica) asemellaríase polo seu carácter solidario, pero estamos en dimensións ben distintas.

O Centro Galego vai a pique. Nunca unha nación con Estado e sólidas institucións deixaría que un centro así se disolvese no océano das privatizacións e da especulación. Por iso o Consello da Cultura Galega lle recorda á Xunta o seu deber de proteccións xurídica e institucional desa memoria e dese patrimonio.

Cando se pregunta pola razón dos nacionalismos coma o galego habería que contar historias coma esta. Non pode ser que, no estado actual das cousas, teñamos tanta incapacidade para salvagardar o sagrado.

Daniel López Muñoz

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s