Tempos, historias, cambios
Camiñando xa polo 2018, e pensando o típico de “Como pasan os anos!” matino noutros tempos, historias, cambios… Recentemente vin unha película As mozas do 6º andar, francesa, ambientada na década dos 60 en París, e nas mulleres que emigraban para ir traballar alí, dende Burgos, Toledo, Pontevedra. A película é sinxela, unha comedia que non narra nada especialmente diferente ou asombroso. Conta un pouco a vida cotiá dun grupo de mulleres de diferentes idades que chegan a París para traballaren en casas de familias ben acomodadas. E lembreime de mulleres coñecidas que fixeron ese recorrido, mulleres con forza e valentía, que foron traballar para aforraren e poder voltar ao seu fogar, e poder darlle a oportunidade aos fillos e fillas duns estudos, dun futuro diferente ao seu. Agora tamén repetimos a historia e moitas persoas emigran por razón laborais e acollemos a moitas que chegan coa esperanza de atopar un traballo digno para sacar adiante a familia ou contar cun futuro profesional.
Retomando tempos, historias, cambios, tamén vos recomendo o libro Contos de boas noites para nenas rebeldes de Elena Favilli e Francesca Cavallo. Cada páxina está adicada a unha muller, acompañada de ilustracións. Nel aparecen artistas, científicas, astronautas, levantadoras de pesos, activistas… Podemos descubrir ou redescubrir historias de mulleres que fixeron e fan historia, que promoveron e conseguiron cambios, como as mulleres que nomeaba ao principio, as que emigraron a outros países e as que quedaron na casa, no campo, nas fábricas, na escola, as mulleres que atopamos na vida cotiá.
Teresa Souto Loira