Chámase Helena Maleno e é unha xornalista e loitadora a prol dos dereitos humanos. Trata de axudar os emigrantes cando cruzan o estreito. Avisa as autoridades para que os rescaten cando se atopan en perigo. Por iso, as autoridades marroquís acusárona de tráfico de persoas. Resultou absolta. “Se trafico con persoas, onde está o lucro?” Foi absolta, aínda que todo parecía indicar que sería condenada.
Chámase Borja Gómez e ten quince anos. É de Ponteareas. Competiu o outro día coa seleccion galega de ciclocross no campionato de España. Chegou canso e feliz á meta. A súa nai apertouno con forza e fachenda. Non quedou primeiro, pero tampouco último. Borja ten síndrome de Down e os competidores non o teñen. Unha competición inclusiva.
Son heroes que teñen nome e apelidos. Dos que teñen pais, fillos, dos que andan polas rúas e ocupan pouco espazo nas noticias (non digamos nas deportivas). Pero cando un escoita estas novas énchenselle o corazón de esperanza. Mira que hai xente boa polo mundo!