Política


As dereitas

En España nunca houbo unha dereita única, aínda admitindo que o PP conseguiu unificar, no seu seo, practicamente a todas as forzas que se predican de dereitas, ata o punto de que se lle atribúe como un mérito integrar incluso a dereita extrema. Con trazo groso podemos identificar desde sempre, polo menos, tres formacións de dereita: o propio Partido Popular, a dereita catalana de Convergència i Unio e o PNV de Euzkadi. Outras formacións máis cativas, en ocasións con certa relevancia, xiraron arredor destas tres decisivas formacións como satélites.

A diferenza máis visible entre estas tres formacións da dereita ou, se se quere, do centro dereita, está na chamada cuestión nacional, pero non é a única, e posiblemente non sexa, no fondo, a máis relevante, sobre todo no caso do PNV. Mentres a dereita española e catalá abrazaron sen reticencias as derivas neoliberais, hexemónicas no capitalismo global, o PNV parece inspirarse máis en Keines ou na Rerum Novarum ca en Friedman e nos Chicago Boys. A opción da dereita vasca tivo e ten consecuencias diferentes ben palpábeis na sociedade vasca, nos seus servizos públicos e na calidade de vida dos seus cidadáns, en comparación cos do resto do Estado, incluídas as comunidades máis ricas ou máis prósperas. Este era, ata hai ben pouco e a grosso modo, o esquema básico das dereitas españolas, pero tras o 15-M saltaron as alarmas e os poderes económicos vironlle as orellas ao lobo, á pantasma que noutrora percorrera Europa, e clamaron desde o seo Olimpo: “Cómpre un Podemos de dereitas”. E “Ciudadanos-Partido de la Ciudadanía” saltou da súa anterior irrelevancia en Cataluña a unha notable e crecente presenza en España. Velaí a oríxe “xenética” da cuarta pata das dereitas en España: “Haxa luz; e houbo luz”. Orixe xenética que sitúa a nova formación na órbita dos Chicago Boys, e por iso se entenden tan ben, aínda competindo, coa máis vella garda das dereitas españolas. O encargo a Ciudadanos, por parte dos seus inspiradores e creadores, é corrixir, por estimulación ou mesmo por substitución, a ineficiencia e a ineficacia do PP e do conxunto das dereitas españolas para embridar a enorme conmoción social producida pola aplicación drástica das doutrinas neoliberales antes da crise, na crise e despois da crise, se é que tal cousa pasase. Por iso Ciudadanos é hoxe o eixe da renovación gatopardiana das dereitas: “Cambiar todo para que todo siga igual”.

As dereitas non son todas iguais, pero todas son dereitas.

Carlos Vázquez G.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s