Falando da lingua: Veñan elas acompasadas…


Unha cuestión familiar xuntounos a unha chea de parentes esta fin de semana e, coma en todas as familias que se precen (parabéns se a vosa é a excepción a regra…), sempre hai alguén que estea  o vaso por onde estea, sempre o ve baleiro…

Nós escoitamos atentamente tanta desgraza que por aquelas bocas saía e así soubemos que…

“- María a da Casa grande non a parece, moi apatronada está!

– Ai, está, está, está vella mesmo! E Lola, que é por aí do seu tempo, non se dá a tan vella…

– Oi, si, ho, é que Lola tenche moito quen mire por ela e María, a pobre, non…

– E o que tamén está acabado de todo é Rosendo, o do Regueiro. Está acabadiño! Co bo mozo que el era… Era un tipazo!

– Oi, si, pero ese vaiche moi andado… Tenche bo mal ese…

– Así e todo, moito se avellou dun tempo a esta parte. Eu vírao no velorio da sogra de Rosa, a da Torre, e… o que tal reveu! Hoxe atopeino seco! Está consumido!

– (Unha garagallada) O tempo non se che para con ninguén… E na casa do Regueiro á vellez mírranche todos… Acórdaste da señora Candelaria? Cando morreu, non levaba máis ca a pel e os ósos, ía mirradiña.

– Tamén tes razón… E o Abelardo! Tamén como el está, quedei abraiada!

– Si…, pero ese seica non che ten cousa boa… Seica anda nos médicos… Cando se mete o demo no corpo, non hai que lle facer… Meu pobre, ten moi mala color…! Parece un defunto…., non ten máis ca a pel e os ósos… Malpocado! e aínda sae da casa, aínda lle gusta ir aos sitios…

– Vaia, ho, non che sabía nada… E que mesmo parece que a terra está a chamar por el… Eu ata lle vin o fociño afiado… e non me gustou nada, pero,  claro, vino alí cando chegou Pepe, que xa tirou por min para a casa, e non puiden falar con el, que se non, aínda lle había preguntar…

– Pois foi mellor así, muller… El mete medo velo, mete medo mirar para el. Non ten máis ca o coiro…

– Ai, aínda che había xente… Si… Eles tamén van a todos…

– Si… E a que está esluruxadiña de todo é a filla de Lupita… Parece que se lle meten os ollos para dentro…

– Oi, si, pero esta éche porque non come… Queren ter bo tipo e están secas… A mocidade agora… Eses non che teñen necesidade ningunha… Téñenche bo mal eses… E parece que non come auga con sal…

– Pois tenche unha cara de miseria, os ollos afundidos… Ten a fame laceira!

– O que seica non che lle anda nada ben éche o *abuelo… Seica está nas últimas… Todas che son desgrazas, muller… Agora que estaban ben, que non lles faltaba de nada… Co que leva traballado, sempre polo mundo adiante…

– Si, éche ben certo… E iremos alá! Xa parrandeamos un pouco!

– Ai, si, ho. Haiche que saír da casa, muller, que se non, non se sabe nada…”

Fraseoloxía abonda para rexoubar

non refrescaron estas mulleres…

Lidia e Valentina

Revista Irimia nº 979 – Do 11 ao 24 de decembro de 2017

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

%d bloggers like this: