O peto: Humildarse con Suso de Toro


O peto

Tan ás voltas andamos co tema de Cataluña, que seguro que nos pasan pola porta cuestións ben importantes e pouca atención lles prestamos. E son moitas.

Pero hoxe quería falar dun pequeniño libro que escribiu hai pouco Suso de Toro, tan curto, tan humilde, que corre o perigo de pasar tamén inadvertido. De feito, titúlase Humildar; está publicado por Xerais e leva o suxestivo subtítulo de “Rituais despois de Deus”.

É un libro en tamaño miúdo, de 42 páxinas, das que 16 van en branco. É un libro escrito por unha persoa que di que ten “…envexa e soidades do que perdín, da relixión”, porque “fáltame a palabra sagrada e o ritual, fáltame a linguaxe”, e sente a necesidade de “ordenar as nosas vidas e vivir ritualmente os momentos necesarios da vida, dándolles así sentido e transcendencia. Porque a teñen”.

E a valorar estes rituais de vida, que antes estaban maiormente nas mans da relixión, dedica humildemente o seu escrito. Velaquí os títulos dos capituliños: “O aceptamento do vivir”, “Recibir a quen chega”, “Damos nome”, “Despedir a quen marcha”, “E que de falar cos mortos?”, “Falar con nós mesmos”, “Casamento?”, “Coidar en”, “Os lugares especiais”, “Lugares aos que peregrinar”, “Os momentos e os días distintos”, “Humildamentos”, “Humildamento na cortesía”, “Humildamento de agradecer”, “Humildarse para rir, rir para humildarse”, “Pór o ramo e facer albaroque”.

Todo ao redor da necesidade de ir marcando con ritos os momentos máis significativos que van conformando as nosas vidas. Unha necesidade humana e humanizadora. Unha necesidade moi vinculada, ata non hai moito, como dixemos, coa práctica relixiosa, pero que moitisimas veces na práctica relixiosa maltratamos. Unha necesidade que está aí como posible ponte de reencontro con sensibilidades de xente que, coma Suso de Toro, afirma: “Fun renunciando á maxia e facéndome moderno, contemporáneo”.

A que dimensións máis cotiás e máis fondas pode servir unha coidada práctica relixiosa! Suso de Toro lémbranolo. Lede o seu libro e gozaredes.

Manuel Regal Ledo

Advertisements

One comment

  1. Non esquecerei nunca cómo ao pasar por diante do cimiterio da Parroquia na que naceron os antepasados maternos había unha muller dentro, na escuridade, falando co ar. Era a única vella da única casa habitada dun lugar abandoado. Parente lonxana, doume medo e tiven medo de asustala, polo que soamente pasei de largo no automobil. .

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s