In memoriam: No primeiro aniversario do pasamento de Waldo García Romero


O pasado día 1 de decembro os fregueses de Santo André de Cedeira e de San Vicente de Trasmañó rendéronlle unha homenaxe a Waldo García Romero e colocaron unha placa en recoñecemento e agradecemento pola súa entrega. Sirva esta homenaxe como desculpa para traelo, tamén, á memoria irimiega.

In memoriam 1

Waldo García Romero naceu en Vigo o 19 de agosto de 1932 e finou o 29 de novembro de 2016 en Valeixe (A Cañiza). Estuda na Escola de Comercio de Vigo e traballa durante algún tempo na Caixa de Aforros. Forma parte dos movementos da Acción Católica como responsable da sección xuvenil. Avanza no seu compromiso relixioso e ingresa en Barcelos (Portugal) no Noviciado da Congregación Misioneira do Espírito Santo, cursa Filosofía en Lisboa e a Licenciatura en Teoloxía na Universidade Gregoriana e Antropoloxía na Sorbona. Accede ao sacerdocio en 1964.

Como misioneiro traballa en Nova Lisboa (Angola), onde observa e sofre a brutal represión da PIDE, policía da Ditadura salazarista, actuacións que denuncia, sen éxito, ante a xerarquía eclesiástica e ante a autoridade civil, pero a a súa bondade e sensibilidade de pastor impídenlle gardar silencio. Acusado de pertencer ao Partido Comunista Italiano, ten que fuxir e regresa a España acollido por uns mariñeiros vascos.

A súa gran paixón era o continente africano e volve ao Congo, República Popular, a Brazzaville. Sabe que para ser verdadeiro mensaxeiro de Boa Nova ten que encarnarse, enculturarse, ser un deles; por iso, na nova misión no Camerún estuda o suajiri: sen falar a súa lingua será sempre un estranxeiro, un colonizador e el vai coma un irmán, ese é o seu compromiso.

En Waldo concéntrase tanta cultura como bondade, é quen de comunicarse, ademais de dominar o castelán -idioma da súa nai- en galego, en francés, inglés, portugués, italiano e suajili. Pero o idioma universal de Waldo era a súa capacidade de acollida e de acompañamento. Tiña moi claro que o Evanxeo, máis que un libro de relixión, era un proxecto de vida que esixe ser honrados en todo e con todos, bos cidadáns. Así o predicou e ensinou coa súa vida e coa súa palabra no Instituto de Redondela, no Colexio Alba e no Seminario Maior de Tui-Vigo.

Por onde andou deixou a súa pegada de humanidade, de honradez e bondade: formador e profesor en Seminarios da súa Congregación en San Cugat del Vallés, Aranda de Duero, Madrid e, finalmente, na Diocese de Tui, en Valeixe, San Vicente de Trasmañó, onde se xubila en 2012.

Durante toda a súa vida conservou un recordo tan triste como tenro polo seu padriño, o doutor don Ubaldo Gil Santostegui, vilmente asasinado o 27 de agosto de 1936 en Pereiró, por aquel miserable capitán Carreró acompañado dun tenente da Garda Civil, alcumado o “Rabioso”. Xentalla desta catadura gozou durante décadas de rúas dedicadas ao seu nome: Felipe Sánchez, Carreró, Franco… Ultimamente, o Presidente do Goberno, don Mariano Rajoy, trouxo á memoria o Almirante Salvador Moreno, laiándose de que a rúa a el dedicada e agora denominada rúa Rosalía de Castro non mantivese o nome dun individuo que, traizoando o xuramento de fidelidade a unha constitución e a un goberno lexítimo, colaborou no asasinato do seu superior, o almirante da base de Ferrol, por certo, católico practicante, bombardeou a cidade de Xixón e, desde un Cruceiro de guerra mandado por el asasinaron cerca de catro mil persoas indefensas, nenos, mulleres e anciáns que fuxían de Málaga, aterrados pola proximidade dos lexionarios e das tropas de Queipo de Llano, a famosa “desbandá”. Ese foi o almirante Salvador Moreno. Debería saber o señor Rajoy que a dedicación dunha rúa, espazo ou monumento a un personaxe ten o significado de exaltación, especie de altar para a sociedade civil, modelo para os cidadáns. Pois ben, ao padriño de Waldo tamén o asasinaron uns miserables desalmados, indignos e criminais. Debeu de ser tan forte a impresión que nunca desapareceu da memoria do neno Waldo.

O programa de vida de Waldo está recollido no seu testamento, testemuño vital, dirixido aos fregueses das parroquias citadas e que se xunta con este artigo.

Descanse en paz este bo Pastor, bo amigo, galego dos bos e xenerosos.

Xosé María Pin Millares (amigo de Waldo)

Testamento de Waldo García Romero

Waldo García Romero, abade das freguesías de Santo André de Cedeira e San Vicente de Trasmañó , no concello galego de Redondela, non teño bens funxibles para deixar en herdanza. Tampouco teño máis fillos ca aqueles galegos e galegas que en Cedeira e Trasmañó me chamaban abade (pai). É a eses meus fillos de Cedeira e Trasmañó aos que eu lles quero deixar en herdanza o mellor tesouro que recibín, o meu cristianismo galego.

A todos vós, homes, mulleres, mozos e mozas, nenos e nenas que me chamades abade (pai), quérovos legar todo o meu inmenso amor pola nosa terra, especialmente pola lingua dos nosos devanceiros.

Ao longo de moitos anos, todos xuntos celebramos a liturxia cristiá dirixíndonos a Deus coa querida lingua dos galegos. Vivimos en galego a nosa comuñón cristiá. Fomos capaces de facer pobo, de superar a anarquía de Babel, co Pentecoste lingüístico da nai Galicia, da matria que nos paría a todos e nos ensinou a vivir nunha lingua única o panteísmo cristianísimo da comuñón cos montes e cos vales, cos peixes do mar e cos paxariños do ceo, co cocho da corte e co can do palleiro, cos castiñeiros e cos carballos, cos viños xenerosos das nosas videiras…; que nos ensinou a chamarlle “Paiciño” a Deus e “Naiciña do ceo” á nosa Santa Nai.

Esta é a miña manda testamentaria, este é o meu rogo, o rogo deste vello pai, deste vello abade: non permitades que ningunha outra lingua sexa oída xamais no fermosísimo templo de Cedeira e naquel templo de Trasmañó, que lanza os seus ecos por toda a ría de Vigo; que as vosas preces, os vosos cantos, as preces e cantos dos vosos fillos continúen a saír polas espadiñas dos vosos templos, e que os ventos mareiros leven polo mundo o voso “Noso Pai”, o voso “nosa Naiciña…”.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s