Editorial. Cataluña: vacina contra o simplismo


Porque pasou o que pasou, vanse celebrar en Cataluña unhas eleccións anticipadas convocadas polo goberno central, con conselleiros na cadea, co expresidente en Flandes, sen autonomía. E, tamén, cunha parte substancial do tecido empresarial “no exilio”, coa comunidade humana desconcertada, polarizada e cansa e coa imaxe internacional do independentismo tocada.

O famoso choque de trens produciuse, efectivamente. Pero un tren era un ave militar blindado, de alta tonelaxe, e o outro un ferrobús doutros tempos. E, como predicía Mas, anticipando o nulo respaldo internacional, unha independencia autoproclamada que ninguén recoñece non vale para moito.

En todo caso, todo o vivido desde o punto de vista da ciencia política foi do máis interesante. E os que andan dirixindo os partidos e as opinións, en Galicia sen irmos máis lonxe, deberían tirar as conclusións axeitadas.

Os centralistas deben medirse ben e non vender a pel do oso antes de cazalo co obús do 155. A metade do censo menos algo (ou máis algo, a saber) ten traza de manter un voto a favor das formacións independentistas. Seguro que non pasa nada? Fixo que a solución é a aplicación dun 155 recorrente, cada seis meses, por exemplo, e reconvocar eleccións indefinidamente até que dean como resultado aquel que a Moncloa e o Tribunal Constitucional consideran “politicamente correcto”? Non lle estarán dando a razón a quen mantén que a única maneira de avanzar un centímetro con eles é tensar a corda até que rompa todo?

E os independentistas teñen que facer unha autocrítica real, interna, distinta da que se fai diante dunha xuíza para evitar un encarceramento preventivo, a todas luces excesivo e innecesario. A cidadanía merece un debate sereo e construtivo sobre as solucións á diversidade territorial, cultural e nacional disto que se chama España. As solucións posibles, non as perfectas de cada quen, senón as menos malas –porque isto é política, non relixión-, esas que non satisfán plenamente a todas as partes, pero que deben ter a suficiente carga de novidade e respecto mutuo como para seguirmos avanzando. A vía unilateral puido ter certo valor simbólico, pero tamén unha enorme falta de previsión e, finalmente, de solidez. E o símbolo puido virar en parodia, que é precisamente a maior inimiga do símbolo.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s