DOMINGO 17 de decembro. III de Advento


Foto_boanova 2017 12 17.jpg

A PALABRA Xn 1, 6-8.19-28

Naquel tempo, Houbo un home mandado por Deus: o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todos cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz. E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el, para lle preguntar: «Ti quen es?» El declarou e non negou. Declarou: «Eu non son o Cristo.» Preguntáronlle: «Entón quen es ti? Es Elías?» Contestou: «Non son.» «Es o profeta?» Respondeu: «Non.» Daquela dixéronlle: «E, logo, quen es? Para que lles poidamos dar unha resposta aos que nos mandaron. Que dis de ti mesmo?» El dicía: «Eu son a voz do que clama no deserto, “endereitade o camiño do Señor”» (…),

A CLAVE. Marisa de Corme

Estreamos ano litúrxico co Advento, e Xoán preséntanos unha persoa fundamental na vocación de Xesús: Xoán o Bautista. Fillo do sacerdote Zacarías, tiña a vida solucionada no servizo ao Templo, pero Xoán non quere entrar no sistema clerical. Vaise ao deserto, afástase do lugar do poder que lle corresponde por estirpe para deixarse interpelar pola xustiza, para poñerse nas mans de Deus.

Empeza no deserto, no lugar da fondura, onde poder atoparse consigo mesmo. Xoán muda mantos e filacterias por pel de camelo, e xexúa para estar preparado para o momento da xustiza de Deus que xa chega. Isto impresionou a Xesús. Había tanto tempo que en Israel non había un auténtico profeta que non dubida en apuntarse ao proxecto de Xoán. Bautízase, e con ese sinxelo xesto emprende unha vida de compromiso e servizo aos demais. En Xoán Xesús aprende o que significa a palabra conversión: estar sempre disposto a cambiar, a deixarse transformar por Deus.

O mozo Xesús non está en todo de acordo do seu mestre. Xoán predica o castigo, a machada ao pé da árbore, escapar á ira de Deus… Xesús no fondo do seu corazón entende que Deus é Pai e Nai, e non cre que poda sentir ira polos seus fill@s, senón un eterno e inconmensurable amor. Entende Xesús que ese amor é a verdadeira dinámica para o cambio, por iso non segue xexúns nin austeridades. Para Xesús a salvación é para todos, gratuíta e, sobre todo, alegre: como o convite a unha festa. Onde Xoán ve renuncia, Xesús ve o gozo da Vida, autentica e plena, a vida no Reino.

Pois que así sexa. Bo Nadal!

O ECO. Olga Álvarez

Eu son a voz que clama no deserto… como os 15.000 científicos de todo o mundo que nos avisan do desastre cara ao que imos co cambio climático. Eu son a voz que clama no deserto… como os activistas que, unha e outra vez, nos lembran a morte de tantos inmigrantes no Mediterráneo. Eu son a voz que clama no deserto… como as noticias que nos contan, día si e día tamén, os casos de mulleres mortas, feridas, violadas, maltratadas.

Eu son a voz que clama no deserto… e parece que ningué escoita. Poderiamos poñernos dramáticos e pensar que as cousas non teñen arranxo, que todo vai de mal en peor, que…pero non. Non, porque xa están entre nós os nenos e nenas que han de ver como o futuro cambia, porque xa hoxe non somos quen de crer que estas situacións sexan normais e que o mundo teña que ser así. Aínda non estamos certos de cara onde tirar pero non podemos nin debemos quedarnos cruzados de brazos. Quizais nós non cheguemos a velo mais non será porque non o intentemos. Esa é a nosa tarefa.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s