Crónica Foro Encrucillada


O noso taboleiro

Foto1.jpg

A escravitude ten nome de mulleres

O pasado 21 de outubro celebrouse o XXXII Foro de Encrucillada, no auditorio de Abanca, en Santiago de Compostela, baixo o lema “Corpos escravizados”. Velaquí a crónica dese día.

As persoas non son cousas. Desde o ano 1999 celébrase o 23 de setembro o Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas. O 23 de setembro de 1913 promulgouse en Arxentina a primeira lei contra a prostitución infantil. Van máis de 100 anos e seguimos vivindo nunha sociedade na que as escravitudes forman parte do cotián. A prostitución anúnciase na prensa, nas despedidas de solteiro/a forma parte do ritual chamar a un boy ou visitar un club de alterne, as empregadas do fogar resisten xornadas laborais que raian coa escravitude e case parece que sexa o mesmo adoptar que subrogar un embarazo. Todo se cubre cunha pátina de inocencia, mesmo de caridade: “Só é diversión” e “Que sorte ten de ter traballo” e “As adopcións tardan moito”, dicimos.

Hai un matiz que case a ninguén lle escapa: a feminización das escravitudes. Dixérono ben claro as nosas relatoras, todas mulleres, que falaban para un público maioritariamente feminino. É inocente o matiz? A trata é un problema só para as mulleres, do que falan e entenden as mulleres, que terán que resolver as mulleres?

Carmen Meneses Falcón, profesora na Universidade Pontificia de Comillas, con concienciudos traballos de campo na investigación dos mecanismos que moven a prostitución no noso país, estarreceunos coas cifras.

Elena Arce Jiménez, consultora para temas laborais na oficina da Defensora do Pobo de Madrid, non foi menos contundente. As escravitudes están aquí, na nosa porta.

No descanso da mañá a tenda de comercio xusto Panxea serviunos doces, infusións e café. Reivindicando a xustiza no comercio global, formamos curros de opinión, coloquios informais, amizades…

A mesa redonda da tarde achegounos á realidade galega, non menos dura que a estatal. Lourdes Pazo traballa no programa Vagalume. Falounos do normalizada que está a prostitución na nosa terra, do pouco que esta cuestión preocupa os nosos políticos… e deu cifras arrepiantes de mulleres prostituídas en Galicia. Mercedes Andrade e Teresa Rodríguez, da Asociación de Empregadas do Fogar Xiara, contáronnos das dificultades legais derivadas da falla de asunción social dos traballos dos coidados, do lento que avanza unha lexislación que non acaba de recoñecelas como traballadoras de pleno dereito. Olaia Rodil, parlamentaria do BNG, falounos dos ventres de alugueiro, unha práctica que converte as mulleres en incubadoras humanas, presente xa en países como o veciño Portugal e á que cada vez recorren máis familias galegas para ter descendencia.

A maternidade ou as relacións sexuais non son un dereito. O traballo do coidado ten que ser recoñecido e asumido como tal na nosa sociedade. A lei ten que defender os dereitos e liberdades das persoas empregadas, alugadas ou prostituídas, antes ca defender o capricho de quen merca “servizos”, de quen converte os corpos en mercadoría.

Rematamos o foro cunha palabra de alento, co conforto poético dos versos de Marilar Aleixandre, académica da lingua. Marilar foi o bálsamo que nos fixo reconciliarnos co mundo, coa vida, e nos animou á loita contra toda opresión e escravitude.

…E agora chega o tempo da reflexión. En Encrucillada preocúpanos que a asistencia cada ano sexa máis escasa. Seguimos apostando por facer visibles as causas inxustas nas que, como cristiáns, temos algo que dicir e facer, apostando polo diálogo e estendéndoo a quen o queira recibir. Por iso, este foro gravámolo en vídeo e subiremos os relatorios á nosa web para achegalos a quen os queira gozar.

Pronto estarán dispoñibles en http://www.encrucillada.gal

Quedamos no foro do ano que vén?

Foto 2.jpg

Mesa de redacción de ENCRUCILLADA e relator@s do foro

Marisa Vidal (Asociación Encrucillada)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s