Entrevista


40 aniversario do Museo do Pobo Galego

 Un museo, miles de historias: como se fai posible o MPG

O Museo do Pobo Galego máis vivo ca nunca despois de corenta anos. Xusto os que acaba de cumprir. Non é un almacén de recordos colectivos. Non é unha exposición etnográfica sobre unha cultura morta.  É unha mostra vital de que o noso pasado ten presente e ten futuro, de que a cultura e o patrimonio que nos constitúe como pobo diferenciado son un valor precioso que só a cegueira do autoodio -cada vez máis superado queremos crer- foi quen de menosprezar. Conversamos con Justo Beramendi, María Xosé Fernández Cerviño, Lino Lema Bouzas e Concha Losada, membros do seu padroado.

Despois de 40 anos de vida, a idea fundacional iría cambiando e renovándose, que queda e que se foi incorporando ao modelo inicial?

Justo Beramendi.- En realidade, a idea fundacional básica non cambiou. Simplemente foi desenvolvéndose e modulándose en función dos recursos económicos e humanos dispoñibles. Tratábase de preservar e defender os elementos constitutivos da identidade galega, inspirándose no referente do extinto Seminario de Estudos Galegos, mais tamén de contribuír á pescuda e ao debate arredor dos inevitables cambios (culturais, económicos, sociais, etc.) que inciden na personalidade colectiva de Galicia e dos problemas principais da sociedade galega. Por iso dende un principio o Museo foi sempre algo máis ca unha colección inerte de obxectos e programou un conxunto de actividades con vontade de proxección alén dos seus muros. E todo isto procurando ademais o maior enraizamento social posible. De aquí a existencia dun amplo colectivo de socios e socia que, dende a súa autonomía, participan activamente na vida do Museo e no goberno do seu Padroado.

A permanente insuficiencia de recursos fixo que nestes corenta anos non fose posible realizar totalmente o ambicioso programa inicial. Está feito todo o relativo á sociedade tradicional galega, basicamente rural e mariñeira. Falta a Galicia urbana e a evolución histórica, aspectos para os que temos feito dende hai anos un anteproxecto museístico que esperamos poida levarse a cabo nun futuro próximo.

 A existencia do propio museo é toda unha declaración. Que valor ten ser parte dunha cultura europea cunha personalidade marcada, diferenciable “característica”?

 Justo Beramendi.- “Ser diferente é ser eisistente”, dicía Vicente Risco. E engadía que todos os pobos-nación non só teñen o dereito á existencia, á súa singularidade, senón tamén o deber de preservala para evitar que a súa desaparición empobrecese o que hoxe chamariamos a biodiversidade da Humanidade. Xa que logo, ese é o valor fundamental e esa é a razón de ser tanto deste Museo como de calquera outra entidade ou colectivo con vontade de que o pobo galego sobreviva como tal.

Chama a atención o rango de actividades diversas que desenvolve o museo. Cales salientarías? Por que se toca a economía, a demografía, as artes máis diversas….?

María Xosé Fernández Cerviño.- Preténdese que o programa de actividades e o proxecto expositivo formen un conxunto integral; de aí ese rango diverso de temas, porque todos están imbricados nas manifestacións da cultura tradicional. As artes e artesanías teñen unha dimensión económica esencial; a demografía e a cuestión de xénero son de importancia transcendental para a transmisión da identidade e da tradición.

Non é posible salientar unhas propostas sobre outras pero, a modo de exemplo, actividades públicas como os cafés da memoria inciden precisamente nese interese por tecer vínculos entre as persoas portadoras das tradicións e as novas xeracións. E noutra liña de traballo máis especializado, as coleccións de fondos, bibliotecas e arquivos constitúen un recurso fundamental para a investigación e o coñecemento.

Neste aniversario agasallastes a todos os socios cun CD que é mostra do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). Este arquivo parécenos algo fantástico, no sentido máis literal da palabra. Como o describiriades? Que utilidades ten? Está totalmente accesible?

Concha Losada.- O APOI é o arquivo dixital de fondos de cultura oral, musical e audiovisual do Museo. Dixitalizar permítenos salvagardar os fondos que diversos compiladores e coleccionistas nos foron achegando en casetes e outros soportes que corren perigo de degradación. Tamén permite que os nosos fondos sexan escoitados, estudados e empregados no museo polas persoas que o desexen, pero, sobre todo, deunos pé para crear un repositorio na rede, un arquivo dixital na internet no que a nosa música e outros tipos de material audiovisual poden verse e escoitarse desde calquera sitio do mundo.

As pezas que nel están (unha pequena parte do total do arquivo) aparecen acompañadas de textos, partituras, datos de quen foi a persoa informante/intérprete, quen recolleu a peza e onde, e outras moitas cousas útiles para contextualizar o que se ve ou escoita como corresponde a un tesouro patrimonial que temos. Ter acceso a material orixinal oral e musical, escoitar como se cantaba, dispoñer dos textos e partituras pode ter interese para músicos, para mestres, para persoas que están lonxe da súa terra e para calquera que queira aproximarse á cultura galega por moitos motivos.

O acceso na rede (http://apoi.museodopobo.gal/) é libre para quen o empregue sen ánimo de lucro, só ten que citar a fonte de procedencia. Se pretende algún beneficio económico co seu uso debe pedir licenza ao museo.

Como se financia o Museo?

Lino Lema.- Os recursos económicos do museo proveñen das cotas periódicas que entregan os seus membros; os produtos dos bens e dereitos da asociación; as subvencións, legados e doazóns que poida recibir e os ingresos que se obteñen mediante as actividades que realiza.

Na actualidade o orzamento do museo nútrese de todas as fontes enumeradas. Os ingresos propios proveñen esencialmente das cotas dos seus membros (patróns e patroas e socios e socias nos seus diversos tipos) e da venda das entradas, ingresos que se completan coas subvencións das distintas administracións públicas. No orzamento ordinario os primeiros supoñen arredor do 42 % do total fronte ao 58 % das subvencións ao funcionamento, maioritariamente da Xunta de Galicia.

Hai que destacar que as achegas por cotas de socios e socias acada o 14 % dos ingresos totais e afortunadamente segue crecendo de ano en ano. Tamén é de salientar o programa de patrocinio e protectorado de empresas, que hoxe conta con 20 entidades colaboradoras.

O museo acode tamén a convocatorias de axudas realizadas polas distintas administracións para actividades concretas, que se incorporan como ingresos extraordinarios.

No ano 2017 o orzamento ordinario aprobado acadou o importe de 539.414,000 €.

Como se pode colaborar co Museo?

Lino Lema Bouzas.- A primeira forma de colaborar é realizando unha visita. O museo ten como obxectivo conservar e divulgar todo o que ten que ver coa cultura de Galicia e a visita ou a participación nas súas actividades non só permite cumprir o seus fins senón que o reforza institucionalmente. Cantos máis visitantes, máis capacidade ten o museo para acadar novas metas. Coñecelo, dalo a coñecer e recomendalo é tamén unha forma de colaboración importante.

Unha vía de colaboración máis intensa é o facerse socia ou socio do museo. A participación na vida do museo, directamente a través da asemblea de socios e indirectamente coa elección dos dez representantes na Asemblea do Padroado e dos dous no Consello de Goberno da institución, permite unha achega maior ao día a día. Como membro da institución tense acceso libre ao museo e preferencia naquelas actividades con número limitado de asistentes, así como recibir cumprida información das súas actividades. A cota anual mínima dos socios é de 30,00 € que poden pagarse dunha soa vez ou en dous pagos semestrais. Tamén pode elixirse unha cota trimestral ou mensual, aínda que neste caso os mínimos son de 10 e 5 euros por período.

Pero aínda hai unha forma máis de colaborar co museo a través do seu programa de voluntariado. Para este caso a persoa interesada debe inscribirse no mesmo e será concertado con el o tipo e periodicidade da súa colaboración, cando o museo teña necesidades que poidan cubrirse por este tipo de programas. Dita colaboración está condicionada pola capacidade do propio museo para asumir esta xestión.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s