O peto


CON XOSÉ MANUEL CARBALLO FERREIRO NA VIDA E NA MORTE

LO30C7F6_17244

O pasado luns, 30 de novembro, puiden asistir na parroquia de Goberno, Castro de Rei, ao enterramento do Xosé Manuel Carballo Ferreiro. Supoñemos que os lectores e lectoras de IRIMIA son xente coñecedora deste home, deste cura de aldea, que desenvolveu unha chea de habilidades a favor do pobo, todo ao redor da súa condición crente e de coidador de crentes, que esa foi a matriz da que xurdiu todo o seu amplo quefacer.

Xosé Manuel Carballo optou polo rural, pola aldea, a pouco de se facer crego e na aldea estivo ata o momento da súa morte. Amou a terra, a Terra Chá, a Terra, con ollos próximos, que o facían atender mil e unha demandas de persoas concretas, e con ollos globais, que o animaban cada día a facer país, a mirar polo noso, a nosa cultura, a nosa historia, a nosa fala, o noso porvir, a nosa xente; sen pecharse nunca a calquera horizonte máis aló do Cebreiro ou das costas do Atlántico.

Amou a terra liderando moitas iniciativas, pero nunca atando coas cordas da súa fortaleza as debilidades alleas; ao revés, provocando sempre as insospeitadas capacidades de cada quen, de xeito que en calquera home ou muller de aldea aparecía un actor ou actriz teatral; en calquera grupos de nenos e nenas, un conxunto musical e de baile; dun rapaz calquera, chamado Antón, abraiado pola súa maxia, xurdise un mago Antón; dunha rapaza de aldea saíse unha excelente catequista, etc, etc.

O seu foi, a partir dun corpo fraco –“O Seco”, seica lle chamaban xa no seminario— e dun espírito misteriosamente robusto, provocar ondadas comunitarias, onde todo o mundo se vía recoñecido e potenciado no seu valor, onde os resultados case sempre se medían por ferrados, e onde os éxitos eran compartidos coma quen comparte unha rica empanada en xornada festeira, entre risas e alentos. Moitos, moitas foron as que entraron con pracer nesta roda comunitaria, que tiña o seu epicentro en Goberno, de Castro de Rei, na Terra Chá Luguesa, pero que abranguía toda Galicia e aínda a desbordaba.

Home de feitos contables. Home de palabra, amigo de parolar. Falaba moito, polos cóbados, mentres a gorxa llo permitiu, e cando non, por un tubo, valéndose da ciencia. Home da palabra e do humor. O humor era a súa noiva preferida. Dous días antes de morrer, levado ao HULA, compartía a nova cos seus amigos dicindo que ía pasar uns días na compaña dunha señorita moi estilizada chamada Anemia, pero que el as prefería gordiñas e risoñas. Enredouse tanto que espertou no ceo. Con humor. Con maxia. Deixando un testemuño de que todo é posible nun mundo rural atoutiñante e nunha Igrexa rural desvanecida. Un gran crente e mestre de crentes. Un grande ilusionista, un mestre de esperanzas.

Descansa en paz. Como non!

Manuel Regal Ledo

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón) coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s