Ás furtadelas: Voces da Igrexa catalá, tras o 1-O


Opinan un párroco, unha monxa, un abade e un teólogo.

Unha vez pasado o 1-O, Jesús Bastante en Relixión dixital, preguntou a varias figuras da Igrexa catalá sobre tres cuestiós elementais: como valoran o acontecido?; e agora que?; e cal debería ser a postura da Igrexa? Recollemos aquí catro desas visións, que resultan un punto de contraste ben ilustrativo de como se vive todo este tema en Cataluña en relación a outras visións dominantes.

http://www.periodistadigital.com/imagenes/2017/10/03/peio-sanchez.jpg

Peio Sánchez. Párroco de la iglesia de Santa Anna (Barcelona)

  • Como valora o acontecido neste 1-O?

Tras o 1-O as relacións entre Cataluña e España están en deterioramento crecente. O referendo, con todas as súas limitacións e ilegalidade, indica que andan nos 2 millóns de electores, dos 5,5 millóns que hai en Cataluña, que queren a independencia xa, cifra que coincide coa suma de JxSi e a CUP nas últimas eleccións. Representan cerca do 50% dos votantes habituais restada a abstención, normalizada en torno a 1,5 millóns. A opinión de entre 2 e 3, 5 millóns de cataláns descoñécese, aínda que sabemos que uns 245.000 deles están polo dereito a decidir, xa que participaron con votos “non”, nulos e abstencións.

A actuación policial foi desproporcionada fronte á resistencia pacífica dos cidadáns. A violencia introduce unha novidade que apunta á irreversibilidade do proceso.

  • E agora… que?

O escenario é grave aínda que non tráxico. Dous síntomas apuntan na dirección do agravamento: a indignación que pode dexenerar en brotes violentos e a incerteza que pode crebar a economía e a forma de vida.

A legalidade vixente, inamovible, demostrou ser un marco moi limitado para resolver o problema. Partidos e gobernos non foron quen de dialogar nunha perspectiva de ben común. Por agora non se avistan líderes con carisma, capacidade de cesión e perspectiva ampla.

  • Cal debe ser a postura da Igrexa?

A igrexa deu pasos importantes, aínda que tardíos, que resultan de gran valor. A Declaración da Comisión Permanente da CEE é un paso na mellor dirección de equilibrio e moderación. A nota da Conferencia Episcopal Tarraconense introduce unha novidade, a oferta para a mediación. Ambas posicións deixan liberdade de intervención á Santa Sé.

O papa Francisco sinalou na última Xornada Mundial da Paz, “Unha ética de fraternidade e de coexistencia pacífica entre as persoas e entre os pobos non pode basearse sobre a lóxica do medo, da violencia e da cerrazón, senón sobre a responsabilidade, o respecto e o diálogo sincero”. Esa podería ser a base de intervención da diplomacia vaticana. O marco da Unión Europea sería o lugar natural desta mediación.

As partes teñen que realizar cesións dolorosas fronte aos seus electorados e intereses pero a consulta pactada en Cataluña é un horizonte ineludible.

Sor Lucía Caram, dominica contemplativa, Manresa

http://www.periodistadigital.com/imagenes/2017/10/03/sor-lucia-caram-votando-el-1-o.jpg

  • Como valora o acontecido neste 1-O?

Unha xornada pacífica e democrática que se viu tristemente ensuciada por unha actuación desproporcionada dos corpos de seguridade, que se converteron en corpos de inseguridade. Co ocorrido, dinamitáronse pontes de diálogo e de entendemento e afondáronse feridas.

  • E agora… que?

Desexo que haxa unha mediación. Que se atope algún organismo ou persoa externa, que sexa capaz de axudar a conseguir un diálogo e un consenso para avanzar.

Nunca vin malos sentimentos cara a España, senón simplemente o desexo e o sentimento dun pobo, que non se sente identificado co Estado e que quere emitir a súa opinión.

Sería desexable unha consulta pactada. En democracia votar é normal, e faltou vontade política.

  • Cal debe ser a postura da Igrexa?

A Igrexa debe responder, se é que se pide oficialmente a súa mediación, e creo que houbo un interese real e efectivo de achegar posturas para promover o diálogo. Debe fomentar a paz, o entendemento e promover a liberdade de conciencia, acompañar, iluminar, ter unha voz profética e ser pacificadora.

O Papa Francisco é un gran mediador e o seu papel en non poucos conflitos mundiais foi iluminar, achegar posturas, promover o diálogo, axudar a superar diferenzas.

Octavi Vilà Mayo, Abat de Santa Maria de Poblet

  • Como valora o acontecido este 1-O?

Triste; a violencia aínda que sexa exercida en nome da autoridade, non adoita solucionar os problemas, senón que os agrava. A substitución da política pola imposición da autoridade pola forza, aínda que teña unha orixe lexítima, faille perder gran parte senón toda a súa credibilidade. Certamente non houbo referendo en condicións mínimas de validez, homologable, pero os cidadáns deron unha lección de pacífica participación en democracia.

  • E agora… que?

O futuro é preocupante e perigosamente incerto. Debería impoñerse dunha vez por todas o dialogo, atopar vías de solución ao encaixe de Cataluña cunha España que acepte a súa diversidade e a súa singularidade, en especial a lingua, vías aceptadas por ambas partes. O marco constitucional é suficientemente amplo, se é necesario reformando o texto, para dar cunha solución de consenso e avanzar; é posible atopala se se desexa verdadeiramente atopala; algúns “pais da Constitución” apuntáronas. A situación en 1975 era bastante máis difícil e atopáronse camiños.

Unha declaración de independencia unilateral, moralmente lexítima, só sería posible cun respaldo electoral amplamente maioritario do electorado, que hoxe aínda está lonxe de darse. E desde España, non ofrecer solucións alternativas ante un problema que non se soluciona só con decisións xudiciais, enquista a situación e produce máis cataláns a prol da independencia.

  • Cal debe ser a postura da Igrexa?

En primeiro lugar orar e traballar para que sobre todo se manteña o clima de paz social e se evite fracturar a sociedade catalá, pero tamén a española corre ese risco. En segundo lugar suscitar a vía do diálogo como único camiño, como fixeron a mesma Conferencia Episcopal Española e os bispos cataláns con grande acerto.

José Ignacio González Faus, teólogo

http://www.periodistadigital.com/imagenes/2017/10/03/jose-ignacio-gonzalez-faus-sj.jpg

  • Como valora o acontecido este 1-O?

Simplemente desastroso. España e Cataluña estiveron guiadas por cegos. Rajoy sabe que necesita o apoio da extrema dereita franquista, sen a cal non terá votos para gobernar. E Puigdemont sabía que necesitaba vítimas e gañar a batalla da imaxe, para que o independentismo superase o 50% de votantes.

  • E agora… que?

Só vexo dúas posibilidades:

Unha é a declaración unilateral de independencia, que faría perder a Cataluña esa batalla da imaxe que gañou o domingo, “morrendo de éxito”. Con palabras de Artur Mas, “se non te recoñece ninguén, as independencias son un desastre”. E Puigdemont nunca avisou a aqueles votantes bondadosos e riseiros, de perigos como quedar fóra da UE (porque Francia non quererá problemas con Córsega, nin Italia coa Padania, nin Alemania con Baviera. E porque para entrar na UE fai falta o voto de todos os seus membros). Ou con que moeda cando se está fóra de Europa … Ou a posible marcha empresarios porque Cataluña exporta a España máis do que ao resto do mundo…

A outra é facer por fin o que debería facerse hai anos: crear varias mesas de diálogo sereno, serio e público, para chegar a un referendo legal, no que, ademais, estean moi claras as consecuencias de cada opción, sen ofrecer falsos paraísos. E se non as crea o goberno, que nazan da sociedade civil. Diálogo entre xuristas para determinar que posibilidades hai para un referendo mesmo dentro da nosa Constitución. Diálogo entre economistas que determine as consecuencias de cada opción; diálogo entre políticos …

  • Cal debe ser a postura da Igrexa?

É moi difícil. Diga o que diga recibirá ataques porque os sentimentos están en plan de: “totalmente comigo ou totalmente contra min”. Debe denunciar a actuación da policía, aínda que a culpa quizais non estivese neses policías. Debe denunciar que nomes como Isabel Coixet, Marsé, Serrat, Jordi Évole, Boadella, X. Vidal-Folch, Angels Barceló, Durán i Lleida ou J. Coscubiella …, sexan alcumados de malos cataláns, fascistas ou traidores, simplemente por pensar como pensan e dicir o que pensan. Debe denunciar a falta de imparcialidade nos medios de comunicación e evitala decontado nos seus propios medios.

E no sentido positivo, debería fomentar unha espiritualidade cristiá que cure os sentimentos feridos, cos cales é imposible o diálogo. Unha das miñas pregarias favoritas é: “purifica o meu corazón”. Creo que algo así debería rezarse durante un bo tempo. Como dixo Eduardo Mendoza, as feridas nos sentimentos son das máis difíciles de cicatrizar.

Debe ensinar ademais que nin a unidade nin a división de España (por máis que moitos as queiran con toda a súa alma), son verdades teolóxicas nin morais. O sentimento patrio é dos máis tentados de converterse en idolatría, logo da paixón polo diñeiro.

Texto recollido de “Relixión Dixital”. Autor: Jesús Bastante

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s