O trasno: Agradecemento de Irimia


A Irmandade Manuel María e as asociacións Xermolos e Avelino Díaz agasalláronnos aos de Irimia coa mención na V Festa da afirmación da dignidade, así que tivemos que dar as grazas.

Dixémoslles que estaba ben bonito que se lembrasen de Herminia Estoa, un símbolo dese estar sen ruído e dese apoiar sen condicións e sen reivindicarse, que é o que nos gusta e o que tratamos de remedar.

E, como moitos non coñecían ben esta revista, demos tres pinceladas que pensamos que nos fan orixinais. 

Falámoslles do noso Ecumenismo Ventureiro. Híbrido, aberto, antidogmático. Un ecumenismo de corredoira, agora que a metáfora do Camiño está algo secuestrada. Que non pretendemos equidistancias, pero que distamos millas dos fundamentalismos de babor e estribor, porque, como dicía Pepe Chao, fundamentalismo debe vir de “funda mental”. E que tiñamos algo de inetiquetables. Que si, que abofé que tiñamos fe, pero sobre todo queriamos ser xente de boa fe. Fe nunha decidida maneira de estar no mundo: a das mesas compartidas, a do que baixa do cabalo para atender ao que cae, a de dar vista ao cego, voz ao mudo, liberdade á oprimida, … un ecumenismo da ortopraxe, da esperanza compartida, cos pés na nosa terra, nesta terra… Ese ecumenismo da xustiza que une a crentes críticas e moi diversas, a escépticos honestos, a pesimistas esperanzados, a agnósticos humanistas e a ateos grazas a Deus.

Dixémoslles, de segundas, que estabamos ancorados nun Panchovillismo descabezado. Que nos sabiamos a Tropa de Pancho sen Pancho pola corredoira arriba (quizais pola corredoira abaixo). Que desde hai 17 anos non temos director e que na mesa de redacción practicamos un coralismo extremo, e que estamos a gusto, descabezados impenitentes que en rede montamos a Irimia a golpe de espontaneísmo e gratuidade, de vontade, de mil colaboracións horizontais, xenerosas… Sobrevivindo sen Pancho e sen Zapata…, e así nos vai… de ben.

E, por último, que tiñamos vocación de lévedo na masa. Non de masa. Si de fermento. Na clave dun levedismo radical. Que apostamos pola conquista da soberanía no cotián. De que a xente que non conta recupere estima e dignidade, polo seu falar, polo seu saber, polo seu sabor. Dar esas pequenas alegrías, esas boas noticias, sen chupar o dedo nin comungar con rodas de muíño. Boas noticias incribles, das que fan mover a historia, como esa de que os últimos serán, han ir sendo, teñen que chegar a ser, igualiño ca os primeiros.

Daniel López Muñoz

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s