Entrevista: Refuxiados: Menos ca pouco… é case nada


Os refuxiados xa non están nas portadas. Hai un silencio escandaloso. Os compromisos de acollida, realmente ridículos, non se cumpren. A crise difícilmente pode servir de desculpa, xa que, segundo os mesmo responsables, a cousa vai vento en popa.

Como resposta, a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas organizou concentracións en Santiago durante unha semana, coa participación de persoas coñecidas do deporte e a cultura, para recordar que, cumprido o prazo, quedan por acoller 15 354 persoas, das 17 337 comprometidas. Conversamos con Miguel Fernández Blanco, un dos organizadores.

 

Cal é a situación agora, despois de todo este tempo? Que se sabe dos que quedaron en terra de ninguén?

Miguel Fernández Blanco nun dos actos organizados

A chave do asunto é o Acordo da Unión Europea con Turquía de marzo do 2016, que permitiu impedir a chegada de persoas a través do leste europeo e de Grecia. Externalizar a fronteira é un modelo habitual nos países da Unión Europea (igual fixo o Estado Español con Mauritania, por exemplo). Non obstante, a consecuencia disto foi terrible, porque entón o camiño (non se lle poden por portas á desesperación) trasladouse ao Norte de África (Libia, especialmente) e as imaxes de persoas refuxiadas nos campos de Europa convértense nas imaxes dos milleiros de persoas afogadas no Mediterráneo ou tamén, por exemplo, do incremento de persoas que tentan chegar a través das fronteiras españolas. É unha cuestión de imaxe, as mortes provocadas no mar son máis difíciles de cuantificar e de transmitir mediaticamente. Agora Turquía é un grande campo de concentración de persoas refuxiadas e os que quedaron polos países da U.E. son os que se foron máis ou menos recolocando.

Durante este último tramo de setembro a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas desenvolve una serie de accións simbólicas para que non esquezamos a hipocrisía dos gobernantes nesta cuestión. Que accións son esas e que denuncian?

Non só en Galicia, a nivel estatal e internacional, trátase de recordar que o 26 de setembro de 2017 remata o prazo que os propios países da U.E. se fixaron (en setembro de 2015) para acoller a uns centos de miles de persoas refuxiadas. A nivel da U.E. as cifras non chegan ao 25% das persoas comprometidas, no caso do Estado Español é máis lamentable aínda: da miserable cifra comprometida de 17 500 persoas, chegaron menos de 2 000 (non chega ao 12%). Coas cifras queremos efectivamente denunciar a hipocrisía e a falta de humanidade dos gobernos europeos. As accións son concentracións en Compostela (diarias do 19 ao 26 de setembro) e en Ferrol e na Coruña o mesmo día 26 de setembro, baixo o lema FALTAN SETE DÍAS. Pero seguiremos na loita centrando o seguinte obxectivo nunha campaña a nivel estatal dirixida a denunciar que, xusto neste contexto lamentable de falta de respecto aos dereitos humanos, os premios Princesa de Asturias decidiran outorgar o Premio da Concordia 2017 á Unión Europea. A Campaña, na que convidamos a tod@s a participar, rematará cunha grande mobilización o 20 de outubro na mesma cidade de Oviedo coincidindo coa entrega deses premios.

Segue habendo “zonas de desconfianza” cara ao estranxeiro, sobre todo se é musulmán. Como son os casos de acollida en canto a integración?

 A desconfianza existe naturalmente, sucede que no caso galego a penas hai poboación migrante, polo que tampouco pode haber moito rexeitamento. En todo caso a poboación refuxiada xera unha certa “simpatía” cidadá, que non consegue a poboación migrante residente ou que chega como simple migrante económico. Aquí o rexeitamento noutras zonas do Estado Español é notable e patente. Por outra banda non existen como tal políticas de acollida, no mellor dos casos é por a disposición destas persoas algunhas axudas materiais para que elas poidan instalarse, pero non se traballa a interculturalidade, a interrelación entre as persoas. A desigualdade de dereitos é un elemento importante aquí, porque deixa os colectivos migrantes sempre nunha situación de dependencia e inferioridade, para a que tampouco serve, por certo, a “caridade” mal entendida. Parece incrible, pero sucede en Galicia, que as familias en situación de irregularidade administrativa non teñan dereito as axudas de libros e material escolar ou á “vendidísima” tarxeta-benvida da Xunta de Galicia para os nenos e nenas que nacen na nosa Comunidade Autónoma.

 

Imaxe tomada de http://modeloburela.blogspot.com.es/2017/

Que mensaxe lle tratariades de transmitir á poboación galega en canto á acollida de refuxiados e inmigrantes?

 

 

Tanto coas persoas refuxiadas, como coa poboación migrante en xeral, a mensaxe sería que estamos ante unha oportunidade para Galicia, especialmente pola aportación demográfica que podería supoñer e pola “calidade” da mesma. Case sempre as persoas que migran ou se refuxian son as máis preparadas das súas comunidades, son mesmo vistas como un investimento por esas comunidades. Son un potencial que non deberíamos desaproveitar. Outra mensaxe chave para nós (e isto non sempre se coñece ben) é a desigualdade de dereitos que consagra a lexislación española. Isto a parte de reprobable eticamente, converte a vida cotián de moitas destas persoas nunha dura loita pola mera supervivencia.

 

Cómo se pode colaborar coa Rede?

Nós temos na actualidade grupos activos nalgunhas cidades e vilas de Galicia, trátase de achegarse a eles e de participar. O que precisamos, coma adoita suceder sempre, son mans, cabezas e corazóns de persoas de boa vontade ao servizo desta causa, común para nós coa da inmigración. Rachemos coas Fronteiras, Non ás Guerras!

C:\Users\dlopmun\AppData\Local\Temp\photo_2017-09-22_09-43-36.jpg
Acto na praza do Toural, Santiago de Compostela.

Para máis información:

www.rederefuxiadas.org

rederefuxiadas@gmail.com

Redacción

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s